A Ponte do Burgo pechada ao tráfico peonil para limpar o enlousado de pedra

70
  • Manterá esta situación durante os vindeiros días xa que se está a facer cunha maquinaria pesada que pode supor riscos para os peóns.
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

As obras de reforma da Ponte do Burgo obrigaron dende hoxe a pechar o tránsito de peóns para poder facer unha limpeza en profundidade da lousa de pedra da plataforma da ponte. Os traballos que se realizan con maquinaria pesada, -o que pode supoñer riscos para as persoas- demoraranse uns días, polo que o Concello confía en poder abrir ao longo da vindeira semana.

O Concello é consciente dos inconvintes que o peche total da Ponte do Burgo pode causar nos viandantes, especialmente nos veciños de ambas marxes da ponte, polo que pide desculpas e agarda poder reducir os prazos ao máximo.

A obra civil foi adxudicada á UTE Imesapi – E.C.Casas por valor de 1.326.977 euros; e a Setga a iluminación por valor de 730.840 euros; en total, 2,057.817 euros. A licitación global era de 2.561.390,91 euros: a obra civil por valor de 1.700.598,75 euros e a iluminación por valor de 860.792,16 euros.

O prazo de execución da obra civil é de 12 meses.

A obra divídese en tres ámbitos de actuación:

  • Ponte do Burgo: O taboleiro da ponte será unha plataforma única de lousas de pedra para continuar a vía peonil de 11 metros de ancho (de lado a lado da ponte) cunha iluminación rasante seguindo o Camiño de Santiago e outra na nova varanda lateral que tamén será rasante.
  • Entronque coa praza Valentín Garcia Escudeiro (cabeceira sur). Mudarase o paso de peóns co fin de darlle continuidade ao trazado peonil que vén da ponte, seguindo a traza histórica do Camiño.
  • Entronque co paseo Domingo Fontán e rúa Xoán Manuel Pintos (cabeceira norte). Este espazo vivirá unha total transformación, eliminarase a rotonda de tráfico rodado, para continuar o carril nos dous sentidos de circulación por ese punto unindo Xoán Manuel Pintos con Domingo Fontán. Crearase unha gran praza de máis de 4.000 metros cadrados con máis de 40 árbores, mobiliario, bancos, papeleiras. Continuará a plataforma única da Ponte do Burgo pero con lousas de granito.

Fondos FEDER

A intervención redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).