Comeza a campaña de implicación dos pontevedreses nos mundiais de Tríatlon Multisport

79
  • Faranse encontros cos veciños, empresas, entidades, colectivos que estarán directamente implicados nos percorridos das probas que se disputarán os días 27, 28, 30 de abril e 2 e 4 de maio. A primeira reunión foi onte co Consello parroquial de Cerponzóns.
  • En abril comezará unha campaña de engalanamento da cidade e reparto de material para que os veciños se sumen ao principal evento deportivo que se celebrará en Galiza en 2019.
  • Programados cursos de idiomas para a hostelería para o 1 de abril.

Logo de meses de traballo interno, o Concello inicia nestes días os primeiros contactos para pór en marcha da campaña de implicación dos veciños de Pontevedra nos campionatos do mundo de tríatlon Mutisport que se celebrarán na cidade do Lérez entre o 26 de abril e o 5 de maio. O campionato traerá á cidade máis de 4.000 deportistas, os inscritos até o de agora nas cinco probas programadas: Aquatlón, Tríatlon de longa distancia, Tríatlon Cross, Duatlón e Aquabike que se disputarán os días 27, 28 e 30 de abril e 2 e 4 de maio.

A campaña de difusión, captación, información e promoción dos campionatos que desenvolverán as concellarías de Deportes, Promoción da Cidade e Seguridade, farase en dous niveis. Por un lado, centrada naqueles lugares polos que transcorren as probas para dar conta a todos os veciños e veciñas, solicitar a súa colaboración e o seu apoio. Están nesta situación o ámbito do centro histórico, a contorna do Centro de Tecnificación Deportiva de Galiza e a zona de Tafisa (núcleo neurálxico do campionato); a traza da N-550 ao seu paso pola cidade, e as parroquias de Lérez, Alba, Cerponzóns e Verducido polas que se disputarán as probas de bicicleta de Tríatlon de Longa Distancia e a de Duatlón.

Reunión en Cerponzóns

Os veciños de Cerponzóns foron os primeiros en manter o primeiro encontro co Concello para coñecer pormenorizadamente os percorridos que se desenvolverán na súa parroquia. As concelleiras de Deportes e a delegada da parroquia de Cerponzóns, Anxos Riveiro e Pilar Comesaña, respectivamente acompañadas do portavoz da Policía Local reuníronse onte co Consello parroquial de Cerponzóns para ofrecerlles toda a información e solicitar a súa colaboración.

“Foron moi receptivos”, explicaba esta mañá Anxos Riveiro, que agradece a implicación dos representantes dos veciños de Cerponzóns neste gran evento. Ao igual que o apoio dos hoteleiros e hostaleiros da cidade cos que xa mantivo encontros durante estes meses.

Este traballo “porta a porta” tamén se reproducirá na zona urbana (comunidades de propietarios, accesos a garaxes…), ao igual que con todas as empresas e comercios que se vexan implicados nesta celebración deportiva internacional.

Nas vindeiras semanas están programadas máis de 20 reunións con distintas entidades económicas, veciñais, co Mercado, coa Asociación Galega de Autocaravanas que solicitou a súa participación activa, coa hostalería, albergues, pensións, empresas…

A Policía Local dispón do teléfono 092 para atender todas as preguntas que poidan xurdir aos veciños que ese día teñan algún asunto extraordinario e queiran coñecer unha solución.

Campaña de rúa, cursos de idiomas e voluntariado

A segunda parte da campaña, que se porá en marcha no mes de abril, será a difusión do principal evento deportivo que se celebrará en Galicia neste ano. É o engalanamento das rúas da cidade coa campaña “Pontevedra Mundial” para chamar aos veciños a participar activamente nestes campionatos dando o seu apoio aos miles de deportistas que durante eses días estean en Pontevedra.

Tamén se fará material informativo que se repartirá en toda a cidade para que os pontevedreses dispoñan de horarios e eventos que se vaian sucedendo nos distintos puntos da cidade.

Paralelamente, o Concello xa está colaborando man a man coa hostalería para ofrecer menús específicos para os deportistas e para ofrecer cursos de idiomas que se iniciarán o vindeiro 1 de abril. Impartiranse na Casa da Luz e terán unha duración de 30 horas.

Tamén se están a programar diversas actividades vinculadas co mundo do voluntariado para que os deportistas se leven a mellor imaxe da cidade e para que os pontevedreses poidan gozar destas probas.