O Concello asina o convenio para remodelar a estación de autobuses e todo o seu ámbito

65
  • Fará unha achega de máis de 1,5 millóns de euros para a remodelación exterior da estación, que se encargará de reformar a Consellería de Infraestruturas.
  • O proxecto terá un custe global superior aos 6,1 millóns.
  • Na intervención exterior está prevista a construción dun acceso dende Josefina Arruti, completar a pasarela peonil do Gafos, eliminar o acceso á estación dende a Avenida da Estación, reordenar o estacionamento diante da estación creando un espazo de aparcamento e outro de estar, ademais de instalar dunha marquesiña cuberta que conectará a estación de bus e de ferrocarril. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores asinou esta mañá o convenio entre o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia para desenvolver a futura estación internacional de Pontevedra. Para o Concello trátase dun proxecto de gran relevancia polo que supón de ir completando os barrios, mellorando o servizo que se lle ofrece aos viaxeiros, e se reordena a mobilidade nesa parte da cidade.

A Alcaldía remitiu esta mañá o convenio á Xunta de Galicia por valixa, logo de telo asinado, e confiando en que se inicie o proceso de licitación canto antes.

O convenio recolle que o custe da actuación é de 6.151.669,87 euros, distribuídos do seguinte xeito:

  • A adecuación para a intermodalidade do conxunto formado polas actuais terminais de autobuses e ferroviaria de Pontevedra terá un custe de 3.375.952,65 euros que recolle actuacións como: conexión peonil entre estacións; humanización da praza e aparcadoiro de turismo na entrada da estación; acceso á estación pola avenida Josefina Arruti e acondicionamento das dársenas; e adecuación da canle do río Gafos no lindeiro da estación de bus.
  • A segunda parte do convenio é a reforma de actual estación de autobuses de Pontevedra por 2.427.509,49 euros: que recolle actuacións como renovación de fachada, cuberta e interiores da imaxe das estacións intermodais en Galicia; mellora de instalacións e eficiencia enerxética; mellora dos sistemas de información e sinalética.

O financiamento das actuacións farase nunha porcentaxe de 75% por parte da Consellería e un 25% por parte do Concello, é dicir, 4.613.752,40 por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade; e 1.537.917,47 euros por parte do Concello. Nos dous proxectos, a Xunta será a encargada de asumir o custe total da reforma da actual estación de bus.

A Consellería de Infraestruturas será a encargada do proceso de contratación dos dous proxectos e facer a financiación en dúas anualidades de 2019 e 2020. O Concello ten obriga de tramitar a licenza de obra necesaria e facer as achegas que lle correspondan.

Acondicionamento exterior e novo acceso

A achega municipal irá destinada ao acondicionamento da parte exterior da estación de autobuses onde está previsto eliminar os accesos actuais e construír un novo cara a avenida Josefina Arruti polo que transcorrerá o tráfico cara a estación.

Dentro deste proxecto exterior tamén está previsto completar a senda do Gafos até o actual paseo e ampliar a zona verde coa saída actual da estación.

Os espazos de estacionamento situados diante da estación tamén cambiará a súa función. Haberá una reserva para estacionamento pero tamén se incrementarán os espazos libres para goce dos veciños. 

O Concello xa está traballando na mellora da rúa Gorgullón que rematará a modo de praza diante da estación de autobuses.

O proxecto remata coa instalación dunha marquesiña que conecte a estación de autobuses coa de ferrocarril.