Lores defende ante o plenario dos Champions Mayors da OCDE que facer cidades mellores “é posible”

40
  • Alertou do peligro crecente da contaminación das cidades que provocará miles de mortes prematuras nos vindeiros anos.
  • A defensa do espazo público, elemento central da intervención do alcalde.

Pontevedra participou esta tarde na 4a reunión de Champions Mayors da OCDE para abordar o crecemento inclusivo nas cidades no ámbito social, nas políticas públicas e no aspecto tecnolóxico. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou a experiencia de Pontevedra como innovación en políticas públicas ao facer unha gran defensa do espazo público como dereito básico, tal e como resumiu a moderadora do congreso, quen asegurou que nas cidades era viable reducir o uso do vehículo privado e mellorar a mobilidade nas urbes do planeta.

O alcalde explicou que a contaminación é un dos principais problemas que asolan e asolarán ás cidades nos vindeiros anos, e será a causante de miles de mortes prematuras. Os vehículos contribúen singularmente á polución nas cidades, ademais de ser os responsables das mortes por atropelos nos ámbitos urbanos.

Indicou que o espazo público ten que ser ocupado polas persoas, especialmente polas máis desfavorecidas, o que suporá a restrición drástica dos vehículos, e iso suporá o incremento da cohesión social, da convivencia… en definitiva, da democracia.

“É posible”, indicou Fernández Lores quen puxo a Pontevedra de exemplo onde se reduciron nun 90% os vehículos no centro da cidade e nun 57% na trama urbana; eliminouse un 67% de emisións de CO2 á atmosfera, mellorando a calidade do aire; os nenos ao colexio andando e quedan para xogar nas rúas e prazas da cidade; Pontevedra leva 9 anos sen mortos por atropelos e reducíronse considerablemente os feridos graves por accidente de tráfico; e sobre todo, destacou o orgullo dos pontevedreses por vivir nunha cidade habitable.

“Creemos que é posible”, concluíu o alcalde, que recordou que a cidade foi premiada en 2014 co premio do ONU Habitat por ser unha cidade habitable e no 2015 recibiu o premio do Center for Active Design da Fundación Bloomberg, en Nova Iorque.