O Concello supervisará mañá a ponte dos Tirantes

45
  • Esta inspección está incluída dentro dun plan máis amplo no que se revisarán todas as pontes de titularidade municipal: Correntes, das Palabras, Santiago. O Burgo e a pasarela peonil xa están inspeccionadas e sen problemas.
  • A inspección da ponte dos Tirantes farase nun so día e obrigará a pechar o tráfico de 09.15 a 13.30 e a partir das 15.30 horas até o remate.

O Concello de Pontevedra realizará mañá traballos de revisión da Ponte dos Tirantes, polo que será preciso pechala ao tráfico. Esta inspección obrigatoria forma parte dun proxecto máis amplo de supervisión de todas as pontes de titularidade municipal: Tirantes, Correntes, das Palabras, Burgo, pasarela peonil e ponte de Santiago; un traballo que se realiza baixo a supervisión dos servizos técnicos municipais.

A inspección da Ponte dos Tirantes farase mañá de 09.15 a 13.30 e de 15.15 horas até o remate. Será durante unha única xornada. O Concello acordou pechala á circulación xa que será necesario instalar un guindastre de gran tamaño e facer catas no pilar de formigón. De todos os xeitos, o peche ten en consideración a zona escolar.

Na Ponte do Burgo a supervisión xa se realizou fai uns dez días, aproveitando o inicio da obras de peonalización. A priori non se detectou problema ningún, pero o Concello está a espera de que a empresa consultora -Enmacosa- ofreza o informe definitivo.

En carteira están as revisións da ponte das Palabras e das Correntes; e o Concello está en contacto coa consultora que deseñou a ponte de Santiago para determinar cando será necesario facer esa inspección. Neste último caso, o Concello non dispón do proxecto de construción e a Xunta tampouco, xa que un incendio destruíu o orixinal.

A inspección que xa está rematada é a da pasarela peonil da Illa do Covo que non ten problema estrutural ningún.

As revisións das pontes municipais é unha obriga fixada nos propios proxectos das pontes, e fanse seguindo unha planificación previa.

A ponte dos Tirantes

A dos Tirantes é unha ponte atirantada cunha soa torre sobre o río Lérez, dun so van de 125 metros de luz e con pouca altura sobre o nivel da auga. Trátase dunha infraestrutura con máis de 20 anos de vida, con diversos elementos de formigón armado e aceiro laminado expostos á intemperie e cun ambiente mariño extremadamente agresivo pola presenza de cloruros que a someten a un progresivo deterioro por corrosión de armado.

Ademais da inspección visual, os técnicos levarán a cabo varios ensaios para determinar o estado do formigón e das armaduras que conforman a estrutura da ponte. Examinaranse polo miúdo o taboleiro, os contrapesos, os tirantes, os apoios, as xuntas, a torre e os estribos. Finalmente, redactarase un informe co resultado da inspección.

Xunto co protocolo de control e mantemento, a empresa terá en conta tamén a documentación do proxecto para coñecer as características xerais da estrutura e as condicións de exposición a axentes agresivos para identificar as posibles causas do deterioro.