Rúas con memoria, novo roteiro teatralizado do programa A memoria das mulleres

106
  • A cita é o domingo 31 de marzo, ás 19.00 horas con saída da Deputación
  • As prazas son limitadas (50) con inscrición previa no correo patrimoniocultural@pontevedra.eu

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, presentou hoxe Rúas con memoria, un novidoso roteiro teatralizado que ten como obxectivo dar a coñecer a represión sufrida polas pontevedresas tras o golpe de Estado do 36, a través de catro pezas que se porán en escena nas rúas da cidade nas que ocorreron os feitos que se relatan.

O roteiro -para maiores de 12 anos- terá lugar o domingo 31 de marzo, con ás 19.00 horas da Deputación de Pontevedra. As prazas son limitadas (50) e con inscriciónno enderezo patrimoniocultural@pontevedra.eu

Rúas con memoria forma parte do programa A memoria das mulleres e é un proxecto colectivo liderado pola Concellería de Patrimonio Histórico no que colaboran a Aula Municipal de Teatro, o Aula de Teatro CIM-Pontevedra, Os Algures, Avelaíña Teatro, Mulleres Solimán e a Aula Teatral do IES Sánchez Cantón. Está dirixido por Anxo Lourido e guionizado por Montse Fajardo.

“Neste ano que cumprimos cinco anos do programa A memoria das mulleres e estamos facendo un esforzo especial na divulgación dos contidos que imos recompilando e investigando, e queremos compartilos con novos formatos, explorando as posibilidades do teatro e tamén da banda deseñada -pronto haberá unha publicación- e no audiovisual e desde logo na web www.dogrisaovioleta.gal que é o noso gran escaparate” explicou o concelleiro Luís Bará.

O roteiro, englobado dentro das actividades do programa A memoria das mulleres, busca levar a memoria ás rúas e tamén contextualizala, representala nos escenarios nos que ocorreu, para concienciar de que foi a nosa veciñanza, as xeracións que precederon ás familias coas que convivimos, a que sufriu o terror deste tempo que, porque nunca debeu ser, non podemos esquecer.

O roteiro percorrerá as principais formas que adoptou a represión franquista sobre as mulleres: falará das asinadas, das presas, das que sufriron castigos sexistas e, sobre todo, falará das que quedaron, das mulleres que se viron obrigadas a seguir adiante convivindo cos represores, cos seus abusos, cos seus espolios e coa súa historia tinxida de odio, e a pesar diso resistiron, sacaron adiante as súas familias e teceron importantes redes de solidariedade.

A andaina sacará á luz o nome e a biografía dalgunhas das pontevedresas que sufriron a represión franquista, mais coa pretensión de homenaxear a todas as que o programa rescatou do esquecemento e tamén a aquelas que aínda fican na escuridade da historia.

O roteiro conta con catro estacións (escenarios con representación) segundo sinalou Montse Fajardo:

  • Diante da Deputación. No Pazo Provincial, tamén sede do Goberno Civil, tiñan lugar os xuízos. Foi alí onde se condenou a morte ás dúas mulleres fusiladas en Pontevedra: Elvira Lodeiro e Consuelo Acuña.
  • Parte traseira da Audiencia Provincial. Lugar onde estaba o cárcere onde permaneceron retidas ducias de mulleres.
  • Praza da Peregrina. Representación dalgunhas das humillacións que sufriron durante o franquismo as familias republicanas.
  • Os Soportais. Punto de encontro de familias republicanas que teceron redes de solidariedade e apoio mutuo durante todo o franquismo.