- As concelleiras Anxos Riveiro e Anabel Gulías mantiveron esta mañá un encontro cos representantes de Zona Monumental para informarlles de como se xestionará a zona cero.
- Pedíuselles que fosen o mellor escaparate da cidade para os miles de visitantes e informóuselles de que estará prohibida a carga e descarga os sábados 27 de abril e 4 de maio.
As reunións co tecido empresarial da cidade para informar do desenvolvemento dos mundiais de tríatlon continúan adiante. Esta mañá foi co Centro Comercial Urbano – Zona Monumental ao que se lle explicou pormenorizadamente a zona cero dos campionatos, situada en pleno centro histórico e no Centro de Tecnificación Deportiva.
No encontro informóuselles que se escolleu expresamente o centro histórico para dar visibilidade á cidade e dinamizar todo o ámbito, polo que se solicitou a Zona Monumental que o comercio do casco antigo se converta en embaixador dos mundiais, tendo un protagonismo especial e ofrecendo a súa mellor atención para que os visitantes que acudan a Pontevedra teñan a mellor carta de visita da cidade.
Tamén se lles pediu unha colaboración expresa durante os campionatos xa que terán certas restricións durante o seu desenvolvemento. Fíxose especial fincapé en que queda prohibida a carga e descarga nos sábados 27 de abril e 4 de maio.
Esta é a primeira das reunións que o Concello mantén con comerciantes da zona, que continuarán nas vindeiras semanas.