TriFest, sete espectáculos acompañan ao Mundial do Tríatlon

747
  • Sobre os escenarios: propostas locais, outras máis vangardistas, folclore e toques internacionais
  • Anxos Riveiro sinala que o TriFest reflectirá a cidade que somos: vibrante, alegre e acolledora

Unha relevante axenda de espectáculos e outras actividades de animación para a veciñanza, os visitantes e os deportistas que acudan ao ITU World Multisport foi presentada esta mañá pola concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, quen manifestou que “este programa contribuirá a facer aínda máis atractivo o campionato do mundo ao ofrecer unha ampla variedade musical que combina a produción local, propostas máis vangardistas, folclore e toques internacionais”.

As propostas musicais nacen na inauguración -venres 26 de abril- coa participación das gaitas de Os de Algures co grupo de Danza das Rías Baixas, que ofrecerán o toque tradicional nalgunhas prazas do centro histórico e no propio escenario principal, lugar que após os discursos protocolarios ocuparán os actores do Pablo Méndez Performance, cun espectáculo de danza aérea realizado expresamente para esta apertura.

O sábado 27 de abril será o heavy local de Malkeda quen ocupará o escenario principal, ubicado ás costas do Monumento aos Héoes de Ponte Sampaio, na Praza de España.

O domingo o espectáculo trasládase á explanada do Recinto Feiral, onde estará o enorme escenario de luz e pantallas da Orquestra Panorama, soporte que servirá tamén para as cerimonias de premiación dos grupos de idade do Mundial de Duatlón e que sen dúbida será un dos principais momentos de todo o evento, tal como recordan moitos participantes no pasado mundial celebrado en Pontevedra .

O martes 30 de abril, véspera de festivo, día do mundial de tríatlon cross, será Mercedes Peón quen animará a festa co seu enérxico folk electrónico, unha aposta moi urbana e evolucionada que sen dúbida sorprenderá ao público internacional.

O 1 de maio actuará na Praza de España, Claxxon, unha formación que rende tributo ao pop e rock español e internacional dos 80 e 90 e que prepara un repertorio cheo de éxitos para todos os gustos, dende Mecano a Bonnnie Tyler pasando por Sabina, Springsteen, Europe, Led Zeppelin, Deep Purple, The Cramberries ou Mónica Naranjo.

O rompedor dj Baiuca ocupará a noite do xoves, 2 de maio coa sua aposta de fusión entre os sons máis techno do momento e os cantares populares máis primitivos de Galiza, con coros en directo sobre bases procedentes da estética musical máis contemporánea.

Xa por último, a festa de clausura, o sábado 4 de maio, correrá a cargo do mellor grupo de tributo a Queen que percorre o mundo, Dr. Queen, que ofrecerá o seu concerto de peche do que será unha semana chea de propostas para propios e visitantes.

O que se pretende con esta programación, segundo destacou Riveiro, “é vender país con propostas que poidan sorprender ao público internacional que agardamos, e ofrecer aos deportistas un ambiente de festa, un dos aspectos que máis valoran da nosa aposta, a dunha cidade vibrante, alegre e que vive a festa constantemente”. O noso estilo de vida, a rúa como escenario común para calquera evento social, refórzase cunha axenda na que ademais das estrelas musicais contamos con achegas como a dos dj da Duendeneta, encargados das Pasta Party, ou actividades como as dúas zumbas colectivas organizadas por Be One na Praza de España.