Recibida a reforma do primeiro andar do Mercado de Abastos

124
  • Para a recepción houbo que montar o mobiliario, que logo se gardou á espera de que abran as novas propostas gastronómicas.
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

O Concello de Pontevedra recibiu a pasada semana a obra de acondicionamento da primeira planta do Mercado de Abastos logo de realizar os últimos retoques. De feito, para a súa recepción, a Concellaría de Promoción da Cidade montou todo o mobiliario que se poderá empregar por todos os locais que ofrecerán os seus produto na primeira planta.

Unha vez realizado o acto de recepción da obra, gardouse o mobiliario que non se instalará até que abran os establecementos que solicitaron posto. 

O Concello está en pleno proceso de selección das 13 propostas presentadas para ocupar os novos locais comerciais. Abertos o sobre A (de documentación) e o B (a proposta gastronómica), a vindeira semana abrirase o sobre C (a oferta económica).

A reforma da primeira planta da praza tivo un custe de 218.682,22 euros e foi adxudicada á empresa ACEVI. Permitiu converter esta planta da praza nun espazo gastronómico no que a xente se achegue a mercar e a degustar produtos preferentemente do andar de abaixo, pero tamén un espazo onde innovar e dar a coñecer outras cociñas, no que acoller actividades gastronómicas, educativas, culturais, artísticas e musicais.

O primeiro andar do mercado de abastos é un proxecto financiado nun 80% polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) de Pontevedra.

Fondos FEDER

Polo tanto, a intervención redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).