Pontevedra, protagonista do III Encontro A educación dende o compromiso co territorio

26
  •  Lores defendeu que a recuperación do espazo público para as persoas fai da Boa Vila un modelo de convivencia inclusivo, democrático, igualitario e no que os nenos e nenas xogan na rúa, camiñan ao cole e están seguros
  • O alcalde defende o modelo de cidade compacta e multiservizos
  •  Compartiu durante dúas horas con máis de 300 estudantes vencellados á educación e á educación social reflexións e debate sobre o noso modelo urbano

Pontevedra foi a protagonista absoluta esta mañá do III Encontro A educación dende o compromiso co territorio, que promove o CIFP Portovello e a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Até o campus desprazouse o alcalde Miguel Fernández Lores quen como poñente principal compartiu, durante dúas horas, reflexións e debate con máis de 300 estudantes, tanto universitarios como de ciclos formativos vencellados á educación e á educación social.

Fernández Lores expuxo as características do modelo Pontevedra, coñecido e recoñecido no mundo, por ter situado ás persoas no centro. A recuperación do espazo público para á veciñanza fai de Pontevedra “un modelo de convivencia, inclusivo, democrático, igualitario, que te acolle”, indicou. E neste espazo urbano de convivencia, os nenos e nenas xogan nas rúas e prazas, van camiñando ao cole, están seguros na rúa…, elementos todos eles que achegan á Boa Vila á concepción da cidade d@s nen@s de Francesco Tonucci, un dos inspiradores do noso modelo urbano e responsábel da elección de Pontevedra como protagonista deste encontro universitario.

Os anteriores encontros tiveran como eixo central a vila de Óbidos (Portugal) e os centros de desenvolvemento rural e nesta ocasión o foco trasladouse a unha cidade.

O alcalde defendeu a idoneidade das “cidades compactas e multiservizos”, na que os veciños e veciñas teñan todo o que precisan “nun radio de 15-20 minutos” andando. Tiñan dúas opcións, explicou: mellorar o tráfico ( “e imposible”) ou mellorar o espazo público. “Apostamos pola recuperación do espazo público: un dereito fundamental como a sanidade e a educación”.

A existencia dun proxecto claro, ter decisión e valentía política e confiar na xente e nas nosas potencialidades foron elementos determinantes para sacar adiante a transformación urbana de Pontevedra, unha actuación global que retirou os coches do centro -só queda o tráfico de necesidade- e mudou radicalmente o paradigma de mobilidade, situando as persoas como prioridade.

A exposición sobre o modelo urbano abriu unha quenda de preguntas na que distintos estudantes e profesionais tomaron a palabra para comparar modelos urbanos -a cidade compacta-Pontevedra versus a cidade extensa-Santiago-; debater sobre o papel do transporte público na mobilidade urbana; interesarse por se a opinión dos nenos e nenas importa á hora de tomar decisións que lles afecten; ou preguntar por problemáticas que agora enfrontan en Ourense como a proliferación de terrazas ou o botellón.

O achegamento á cidade do III Encontro A educación dende o compromiso do territorio terá continuidade o vindeiro luns 8 de abril na nosa cidade. Achegaranse máis de 200 persoas para coñecer en directo o modelo Pontevedra.