Retómase o acondicionamento do campo de fútbol de Ponte Sampaio

15
  • Hoxe a UTE E.C.Casas – Imesapi retoma as obras que deixou paradas hai uns meses Ediserpo.
  • Na actualidade está practicamente acondicionado o campo de xogo (pendente das capas superiores), e están levantadas estruturas dos futuros edificios dos vestiarios e cantina. 

A Unión Temporal de Empresas E.C.Casas – Imesapi retoma hoxe mesmo as obras de acondicionamento do campo de fútbol de herba sintética de Ponte Sampaio, ante a renuncia, o pasado mes de febreiro, da empresa Ediserpo. Serán estas dúas empresas as que se encargarán de continuar co proxecto e rematar toda a intervención prevista que vai máis aló da construción do campo, xa que tamén se inclúe a demolición das actuais instalacións deportivas e estender o espazo de lecer até a praia fluvial.

No tocante ao campo de fútbol están levantadas algunhas estruturas do que será o futuro edificio dos vestiarios, e feita a explanación e boa parte do acondicionamento do campo.

O campo de fútbol de Ponte Sampaio está situada nunha parcela de 11.000 metros cadrados, terá unhas dimensións homologables e no que poderá xogarse dous partidos de fútbol 7 (agora 8) ao tempo. A instalación deportiva contará con dúas zonas de vestiario para árbitros e xogadores; unha grada; cantina; baños públicos e área de almacéns.

O proxecto foi adxudicado por 1.163.536 euros e a oferta inicial -que respectan as novas construtoras- inclúen melloras nas instalacións e equipamentos, 5 anos de mantemento do céspede e máis o derrube do vello campo.

A construción do novo equipamento vai a permitir ampliar a zona de praia do río Verdugo, ampliar os espazos verdes e de xogos infantís e mesmo crear unha pérgola deportiva multiusos e ampliar o aparcamento. Suporá unha remodelación de arredor de 30.000 metros cadrados.