O traballo de campo revela a existencia de case 3.000 vaos en todo o concello

53
  • A súa casuística é múltiple. Detectáronse 1.000 máis dos que estaban rexistrados nas bases municipais.
  • Xa están colocadas 137 placas homologadas, e están pendentes de notificar 200 máis. Este proceso acelerarase agora que xa rematou o traballo de campo.
  • O Concello solicita a colaboración das comunidades de propietarios, administradores de fincas e xestorías para acelerar e facer efectivo este proceso.

O Concello de Pontevedra rematou nestes días o traballo de campo realizado polo persoal técnico municipal para identificar, revisar ou renovar todos os vaos que existen no concello. Agora toca o turno do proceso administrativo no que o Concello solicita a colaboración de todos os interesados, especialmente, das comunidades de propietarios, xestorías e administradores de fincas para acadar un resultado efectivo e rápido, de tal xeito que todas as placas poidan estar entregadas -ou notificadas- a finais deste ano ou primeiros do que vén.

Do traballo de campo tiráronse 5.413 imaxes xeorreferenciadas. Detectáronse 2.903 vaos, é dicir, 1.030 máis dos que constaban nas distintas bases municipais, xa que a día de hoxe están inscritos nos distintos padróns municipais 1.873 vaos.

Mentres se realizaba o traballo de campo, fóronse tramitando as primeiras placas oficiais de vaos, que entrega gratuitamente o Concello a cada propietario. Dende a primeira placa colocada o pasado mes de outubro na entrada de carruaxe do Hospital Provincial a día de hoxe entregáronse 137 vaos oficiais, é dicir, placas homologadas polo Concello -e as únicas legais-.

Están pendentes de notificar 200 expedientes regularizados, dos cales 90 están á espera de que as comunidades de propietarios ou os administradores de fincas soliciten a renovación.

O equipo de técnicos municipais, formado por catro persoas que traballaron polas tardes para non colapsar ás oficinas de Disciplina urbanística e arquitectura, elaborou unha base de datos que contén na actualidade 1.922 expedientes (ou vaos) e faltan por incorporar 981. 

Colaboración

Aínda que o Concello recorda que é a administración a que se porá en contacto co administrado ou particular para a renovación do vao, dende a Concellaría se solicita a colaboración dos administradores de fincas e xestorías para que se poñan en contacto co servizo de Disciplina urbanística (Teatro Principal) co fin de intercambiar información e facilitar a relación das comunidades que xestionan, e recibir información e colaboración municipal no proceso.

O Concello é consciente de que moitas comunidades de propietarios ou administradores de fincas non dispoñen do certificado dixital para poder acceder ás notificacións electrónicas, de aí que se poñan en contacto coas oficinas municipais para facilitar as xestións.

Tal e como anunciou a concelleira de Disciplina urbanística, Carme da Silva, con esta revisión dos vaos do concello preténdese:

  • Actualizar os vaos que teñen licenza e pagan taxa
  • Dar licenza a aqueles que pagan taxa pero non están autorizados
  • E regular os que non teñen nin licenza nin pagan taxa.

O Concello é o que entrega as placas de vaos oficiais e homologadas (a custe cero), tratando de unificar tanto a estética como de regularizar a diversa casuística existente na actualidade. O custe de todas as placas foi de 16.800 euros.

Segundo recolle a ordenanza fiscal de entrada de vehículos a través das beirarrúas:

  • Garaxes e aparcadoiros particulares de vivendas unifamiliares ou fincas e recintos particulares: o importe anual será de 24,63 euros.
  • Garaxes de comunidades para uso exclusivo de vivendas: o importe anual será de 24,63 euros, ao que se engadirá a cantidade de 3,70 euros por cada praza.