O Concello abre o xoves os composteiros comunitarios de Valdecorvos

28
  • Mañá está prevista unha charla informativa no Centro Leste a partir das 20.30 horas.
  • O día 11 estarán os mestres composteiros de 17 a 20 horas informando directamente aos usuarios nos novos centros de compostaxe.

O Concello de Pontevedra porá en marcha este xoves, 11 de abril, os tres novos composteiros comunitarios de Valdecorvos. Nas últimas semanas fíxose a instalación das bases e dos propios composteiros que están situados na praza das Regas e na rúa Prado Novo.

Para pór en marcha os composteiros, o Concello convoca aos veciños a unha charla informativa previa este luns, 8 de abril, no Centro Leste a partir das 20.30 horas. A este encontro, no que estarán os mestres composteiros do Concello, poden asistir todos os interesados en coñecer como funciona o sistema, os biorresiduos que poden depositar e os que non, e todas as cuestións que queiran propoñer.

O xoves, 11 de abril de 17.00 a 20.00 horas abriranse os tres novos centros de compostaxe coa presenza dos mestres composteiros que explicarán in situ como se pode compostar, un método sinxelo e ao alcance de todo o mundo.

Os tres centros de compostaxe comunitaria están situados: un na praza das Regas e dous na rúa Prado Novo, fronte aos novos edificios de Valdecorvos. Cada un ten dez módulos. 

Ao igual que noutros barrios, o Concello recibiu sinaturas de residentes solicitando o despregue da compostaxe comunitaria en Valdecorvos.

Estes tres novos composteiros véñense a sumar aos xa instalados nos barrios de Eduardo Pondal (6), A Parda (2), Monte Porreiro (3), o campus universitario (2), San Brais (1), núcleo de Cabaleiro-Campañó (1) e Brilat (1).