Os campionatos do mundo de tríatlon promociónanse na cidade

74
  • Dous equipos de comunicación distribúen material informativo en comercios e establecementos da cidade -e tamén de concellos do arredor- con datos sobre o evento deportivo 

Dous equipos distintos están promocionando nestes días os mundiais de tríatlon que acollerá a cidade do 27 de abril ao 5 de maio, a través da comunicación directa coa cidadanía. Están repartindo material promocional do evento deportivo tanto na cidade como en concellos próximos, empregando unha bandeira publicitaria e frecuentando lugares como feiras ou mercados.

Estes puntos de centralidade de vilas ou cidades son lugares especiais para realizar a distribución directa de publicidade que, sobre todo, contén os horarios das principais probas deportivas e os dos concertos da festa do tríatlon (Trifest), que figuran na programación do campionato.

O equipo que reparte publicidade pola cidade faino en comercios e bares, onde aproveita para dar explicacións básicas e ofrecerlles un soporte para o escaparate coa imaxe do evento (que despois poden reutilizar para calquera outra campaña que desexen), dentro da acción “Pontevedra é mundial”. Tamén lles deixa un cartel convencional e trípticos informativos.

Esta campaña de comunicación directa persegue un esforzo informativo máis acaído entre os comerciantes da cidade para destacar a importancia do mundial en relación a calquera outro evento que se teña realizado. 

Así mesmo, a campaña fóra da cidade persegue difundir a través das redes sociais da proba algúns datos de interese turístico dos lugares que arrodean a cidade, como poden ser Combarro ou o miradoiro da Costa da Vela, dous lugares que xa visitaron. Estas fotografías irán acompañadas de textos evocativos sobre cada atractivo turístico e chegarán aos máis de 8.000 receptores que teñen as redes de facebook, Twitter e Instagram.