O Concello definirá coa veciñanza o inicio das obras de reforma da rúa Echegaray

64
  • Os servizos técnicos municipais analizan o proxecto definitivo da actuación que terá un custe de case 700.000 euros e un prazo de execución de seis meses
  • A actuación suporá a substitución e instalación de servizos e a urbanización da rúa cos estándares de calidade do modelo Pontevedra

O Concello recibiu o proxecto definitivo de reforma e substitución dos servizo da rúa Echegaray e xa está nos servizos técnicos municipais para o seu visado. Trátase dunha obra incluída nos investimentos do novo contrato da auga e que correrá integramente a cargo da empresa concesionaria, Viaqua.

A actuación proxectada ten un custe de 696.064,21 euros e un prazo de execución de seis meses.

O portavoz do Goberno local e concelleiro do Ciclo da Auga, Raimundo González, anunciou que a próxima semana manterán unha xuntanza coa veciñanza e os comerciantes de Echegaray para amosarlles o proxecto final e definir con eles a data de inicio e un posíbel calendario de obras. Non hai que perder de vista que a rúa está no espazo directamente afectado polas festas da Peregrina, xa que forma parte do circuíto de mobilidade alternativo deses días.

Que as obras comecen após das festas ou antes; que vaian por fases ou que avancen e se paralicen chegado o momento é unha decisión que está por tomar e nela será determinante a opinión dos veciños e veciñas.

Actuación prevista

Os servizos serán totalmente novos. O saneamento cambiarase por ambos lados, polo que se instalarán 425 metros lineais de tubaxe, 28 pozos e 37 acometidas. Na auga, haberá unha substitución da rede na marxe dereita (de saída da cidade) xa que a esquerda é nova, e instalaranse 14 unidades de acometida.

Tamén se substituirán as redes de pluviais por ambos lados até completar 425 metros lineais, 23 pozos, 37 acometidas, e 26 sumidoiros.

Outra das actuacións é a substitución de toda a canalización eléctrica, tamén nunha lonxitude de 425 metros.

A reforma en superficie segue os mesmos estándares de calidade que o resto da cidade. Gáñase espazo para os peóns ampliando as beirarrúas, aínda que quedará un carril de servizo a ambos lados. Haberá unha superficie de 1.804 m2 de urbanización de beirarrúas, e 1.634 m2 de estacionamentos e víario.