O Concello traballa arreo para que o gastroespazo do 1º andar do mercado sexa unha realidade en xuño

228
  • 13 solicitudes que ocuparán 23 postos están na recta final do proceso de tramitación
  • Quedan 13 postos baleiros para os que se pensa en usos temporais e alternativos: cesión ao CIFP Carlos Oroza, ocupación itinerante de postos de Sétima Feira…
  • A puxa polos postos do mercado suma 16.934,66 euros, sendo a oferta para os tres postos da equina coa escaleira a máis alta: 4.805 euros

“Estamos acelerando todo o posible para que en xuño sexa unha realidade”. A concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías, deu conta hoxe do proceso de transformación do 1º andar do mercado municipal nun gastroespazo que sirva de impulso e dinamización para a praza de abastos e o conxunto do centro histórico.

Abertos os sobres das ofertas técnicas e do sobre C (oferta económica) das 14 solicitudes presentadas, desestimouse unha proposta a causa dos numerosos e grosos erros da documentación presentada, quedando aprobadas 13 solicitudes de xeito provisional.

A concelleira explicou que as 13 solicitudes que seguen adiante suporán a ocupación de 23 postos, aos que hai que sumar oito postos máis (até 31) ocupados polas cociñas e consignas frigoríficas do mercado e máis pola área infantil O Ganapán.

Quedan 13 postos baleiros e para darlles uso trabállase en varias iniciativas. É o caso da cesión de dos postos ao CIFP Carlos Oroza para que o seu alumnado faga prácticas e sirva para darlle visibilidade ao centro; ou a posible cesión itinerante de postos a Sétima Feira que poden complementar a oferta gastronómica coa oferta de artesanado e moda. Mais tamén enriba de mesa hai outras posibilidades.

A cantidade ofertada polas persoas e empresas interesadas en abrir os seus postos no gastroespazo do mercado ascende a 16.934,66 euros. As ofertas económicas partían de 347 euros mais, sinalou Anabel Gulías, quen desvelou que “houbo unha puxa moi forte polos postos que fan esquina coa escaleira, chegándose aos 4.805 euros por estes tres postos” .

Até o horizonte de xuño por diante quedan os seguintes pasos:

  • Comunicación ás persoas físicas e xurídicas da aprobación provisional e requirimento acreditar a solvencia financeira e a solvencia técnica das propostas
  • Aprobación en Xunta de Goberno local
  • Sinatura do 1o contrato de adxudicación individual e convocatoria da 1ª reunión de coordinación para falar de cuestións como: programación, horario, días de descanso, servizo de limpeza…
  • Apertura do prazo para a solicitude de licenza de obras
  • Comezo das obras

A concelleira de Promoción Económica e da Cidade sinala que “estamos moi satisfeitos polo arranque deste 1º andar. Tiven a oportunidade de comentalo con hoteleiros, hostaleiros e representantes de entidades que colaboran na dinamización turística da cidade e todos facemos un balance moi positivo do que significa esta posta en marcha”.” Todos temos moitas ganas de recuperar e pór a pleno rendemento este equipamento municipal” engadiu.