14 de abril de 2019
O novo spot da cidade:
“En Pontevedra non acollemos turistas,
facemos amigos e amigas”
- A Concellaría de Promoción da Cidade vén de sacar un novo spot turístico cos pontevedreses como referente.
- Arredor de 80 figurantes son veciños e veciñas da cidade que representan o auténtico espírito de Pontevedra.
Pontevedra renova a súa imaxe para os visitantes. Cun novo spot turístico a cidade dá a benvida ao viaxeiro que se achegue a Pontevedra dende esta mesma Semana Santa.
Esta peza sobre Pontevedra, realizado por Producciones Mutantes, pretende facerse eco do que fai grande a unha cidade como Pontevedra: as súas xentes. Precisamente ese foi o leiv motiv da produción: captar a esencia da “pontevedridade”, amosar ao mundo a maneira de vivir na cidade do Lérez, cunha idiosincrasia única.
O propósito foi recoller o orgullo dos pontevedreses e pontevedresas por vivir na cidade, e por ser os mellores embaixadores que poida ter Pontevedra, dada a boa acollida que se fai aos visitantes e “tratalos como se fosen da casa. Porque en Pontevedra non acollemos turistas, facemos amigas e amigos”.
De feito, os preto de 80 figurantes que aparecen no spot non son actores ou actrices profesionais. Son veciñas e veciños reais da cidade, porque era fundamental representar o auténtico espírito de Pontevedra e soamente elas e eles o podían facer.
No apartado técnico, fuxiuse da estética típica de este tipo de vídeos chea de planos abertos das rúas e prazas, e achegouse a cámara á xente. A animación co que arranca a produción está feita cunha técnica mixta que combina o collage e o stop motion tradicionais coa animación 2D dixital.
Para a rodaxe contouse co director de fotografía portugués Abel Rosa, profesional con ampla traxectoria no cine indie de Lisboa.
Saúdos ;-))