Discurso do alcalde na inauguración da XXVI Semana Galega de Filosofía

12

Queridas amigas e amigos

Benchegados un ano máis a esta cita que volve á axenda da primavera pontevedresa para encher de sabedoría este teatro, esta cidade. 

A Aula Castelao é un dos nosos principais socios culturais, sempre atento a achegarnos propostas de pensadores e pensadoras de todo o mundo, aos que doutro xeito teríamos difícil acceso.

O noso agradecemento ao conxunto de compoñentes desta institución amiga, fraterna e que, coma nós, anda sempre á procura de maior luz para este mundo que parece empeñado en recuar nalgunha das súas dimensións.

Unha cita, esta 36 Semana Galega de Filosofía, que trae consigo a reflexión sobre asuntos importantes do noso tempo, pero non unha reflexión difusa ou epidérmica, senón profunda e serea, como sempre propón a filosofía.

Esta semana poñedes enriba desta mesa o concepto de fronteira como eixo do rico debate en que sempre se convirten estas sesións.

Fronteiras esvaídas e reais, fronteiras económicas, simbólicas, as fronteiras patentes da riqueza ou as que determina o poder, polas armas ou polos mercados. 

As fronteiras esnaquizadas polas redes da información ou a produción global e as reivindicadas como ámbitos de defensa ante a dura e galopante uniformización cultural.

Quería, se me permitides, poñer brevemente o foco nalgunha das máis elocuentes fronteiras que hoxe fan o mundo algo máis duro do que nos gustaría.

O Mediterráneo, esa metafórica tumba que traza a fronteira máis tráxica entre o noso opulento continente e a África que non se deu liberado da colonización salvaxe que sofriu durante séculos. 

Esa é unha fronteira, se me permitides, mediática, que invade de cando en vez as nosas vidas con algún episodio tráxico coma a foto do cadavre do meniño Aylan Kurdi nunha praia de Turquía. 

Pero as máis das veces vemos esa fronteira entre ricos e pobres como un mal menor no torveliño informativo diario que nos fala de centos de persoas mortas, ante o que as nosas sociedades permanecen impasibles, cos seus costumes de ocio feliz e mercadeo de obxectos inútiles. Coma se nada ocorrese.

Hai outras fronteiras, perturbadas pola violencia ou o esquecemento, como a de Palestina ou a do Sahara, esta útlima protagonista da vosa última xornada. 

Fronteiras que interesan só á pobre xente que sofre conflitos enquistados que nos resultan alleos e lonxanos, pese a convivirmos decote con esas realidades.

Quen lles fala é un nacionalista galego, alguén que leva convivindo toda a vida cunha fronteira perto da casa. 

Unha fronteira incomprensible, trazada polo río Miño, froito de sacudidas dinásticas de hai 500 anos. 

Unha fronteira paradóxica, pero que padecemos cada día nos mapas, no ensino, nos medios, nos mercados… 

Á que contestamos cunha irmandade poética, linguïstica, cultural, á que situamos por enriba de todo ese dibuxo dos decadentes estados europeos.

A outra gran fronteira é a que impón o sistema de comercio internacional. Ese que presume fachendoso de derrubar as fronteiras para os produtos de consumo, pero que co seu comportamento aprofunda cada vez máis na fenda entre ricos e pobres, centralizando máis os intercambios económicos, acabando co pequeno comercio de proximidade e precarizando aínda máis a grandes masas de traballadores do chamado mundo desenvolvido que grazas ao liberalismo ven esvairse as súas condicións laborais.

Esa é a fronteira máis dura, unha fronteira invisible que ademáis presume da noción onírica de vivir sen fronteiras.

Ante esas realidades escuras e nefastas, quedémonos coas fronteiras que unen, coas pontes coma esa que deu nome hai 850 anos á nosa cidade, coas mans abertas de todas as persoas de boa vontade. 

Cun mundo utópico sen valados, sen fendas entre as persoas, sen ameazas e sen hexemonías ou abusos culturais. Un mundo da igualdade e o amor ao diferente, de riquezas compartidas, de orgullos xenerosos.

Grazas por poñer na palestra un tema interesante, de candente actualidade e cheo de tantos matices como aquí ides estudiar coas aportacións eruditas de todos os vosos convidados.

Grazas por convidarme, e queda inaugurada esta 36 Semana Galega de Filosofía.

Moitas grazas

Saúdos  ;-))