Intensa campaña na zona urbana para informar dos mundiais de tríatlon

450
  • Dende a pasada semana o Concello informa nas caixas do correo a todos os edificios do percorrido e estase a colocar carteis informativos nos inmobles.
  • Mantívose contacto con todos os responsables das comunidades de veciños, e mañá hai unha reunión aberta a todos os residentes polos que pasa o percorrido para informar, resolver dúbidas e atender peticións.

O Concello de Pontevedra continúa na vindeira semana coa programación informativa sobre os campionatos do mundo de tríatlon que comezarán oficialmente o venres, 26 de abril, e prolongaranse até o domingo, 5 de maio. Se a primeira parte da campaña foi máis intensa no ámbito rural, dende a pasada semana os traballos concéntranse no centro urbano.

Dende a pasada semana o Concello reparte información en todas as caixas do correo dos todos os edificios que se atopan en calquera dos percorridos da proba no ámbito urbano, ademais de comezar a colocar nos portais indicacións da proba e as súas afeccións ao tráfico peonil e a motor. A Policía Local, a través do seu voceiro, mantivo encontros con todos os presidentes e presidentas, ou responsables, dos edificios dos percorridos chegando a ofrecer a súa participación directa nas reunións que as comunidades tiveran para explicar aos residentes como se desenvolverían as probas.

Ademais, mañá, 22 de abril, está prevista unha reunión informativa aberta a todos os veciños e veciñas residentes no ámbito do percorrido no edificio de Cruz Vermella. Será ás 20.00 horas, na primeira planta do edificio.

Estes encontros veciñais estiveron precedidos doutros co comercio, hoteis, hostalería, usuarios e usuarias do Mercado de Abastos…, ademais doutras veciñais máis específicas (o ámbito da avenida de Bos Aires, zona cero da proba, por exemplo) para informar previamente sobre os mundiais de tríatlon.

A organización da proba, a través da Policía Local, mantén operativo un número de teléfono (092) para atender as preguntas dos cidadáns sobre o tríatlon.