O “mapa violeta” da cidade incorpora un mural con 22 nomes de mulleres rebeldes, heterodoxas e solidarias

140
  • Mulleres de Pontevedra na Historia ocupará unha parede de 35 x 4 metros ao carón do parque Amalia Ma Álvarez.
  • O proxecto forma parte do programa municipal A Memoria das Mulleres e é obra do “talento local”: Rei Zentolo e Polo Correo do Vento.
  •  Os traballos de acondicionamento do muro comezarán o vindeiro luns e a obra estará rematada en xuño

“22 nomes de muller, unha vintena de actividades, oficios e colectivos (mariscadoras, palilleiras, tendeiras, labregas, peixeiras, etc) cunha mirada de xénero pero tamén de clase… cinco séculos de historia da cidade” definen o gran mural proxectado nun edificio de veciños, situado entre as rúas Joaquín Costa e Poza dos Canos, preto do parque Amalia Ma Álvarez.

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, presentou hoxe a nova proposta do programa municipal “A memoria das mulleres” que traballa dende hai cinco anos para coñecer e recoñecer a historia das mulleres de Pontevedra, a partir do feito de que houbo silencio, esquecemento do seu papel nesta historia. Ao seu carón tiña aos artistas Pablo Zentolo (coautor do mural) e Tania Solla (que colaborará na execución da obra).

Luís Bará subliñou a importancia de dispor dun mapa simbólico da cidade, ese mapa violeta que poña o foco sobre todas esas mulleres heterodoxas, solidarias, creativas e rebeldes que foron e son piares da nosa historia.

“Queremos construír o mapa simbólico de Pontevedra con diferentes recursos: nomes dos espazos públicos, a sinalética, as esculturas… e neste caso un gran mural nun lugar próximo ao parque Amalia Ma Álvarez dándolle continuidade a un espazo da cidade violeta” indicou Luís Bará. “O que queremos é facer unha especie de aula aberta de memoria da cidade, que sexa un proxecto de pedagoxía social, que sirva o mural para aprender, para coñecer, para divulgar a historia de Pontevedra, que poida ser a base de visitas escolares guiadas” engadiu.

O mural ocupará 35 metros de ancho por 4 de alto percorre 5 séculos de historia da cidade, na que teñen cabida a almiranta Isabel Barreto; intelectuais e escritoras como Concepción Areal, María Vinyals Ferrés ou María Victoria Moreno; profesionais da Educación como Ernestina Otero ou Daría González; empresarias como Clara López ou Carmen Durán; represaliadas como Elvira Lodeiro ou Josefina Arruti; mulleres como a Sra. Lola… mulleres que teceron e tecen o noso pasado e presente.

Para levar adiante o mural Mulleres de Pontevedra na Historia, o Concello recorre “ao talento local”. Rei Zentolo e Polo Correo do Vento van da man no deseño e execución do gran mural, cuxos traballos de acondicionamento da parede comezarán o luns e no que colaborarán as artistas Tania Solla e Rebeca Prieto. As previsións son que a obra estea rematada nos primeiros días de xuño.

Os murais de Luís Seoane serviron de inspiración á hora de coordinar o deseño da obra que marcará unha nova pegada violeta na cidade, segundo indicou Pablo Zentolo.

O concelleiro Luís Bará agradeceu publicamente a colaboración da comunidade de veciños que cede o muro do edificio para realizar nel o mural, que será unha pegada violeta de referencia na cidade. Ademais a vindeira semana manterá unha xuntanza coa veciñanza da zona co fin de que coñezan o proxecto.