Moi boa acollida da compostaxe individual entre os veciños de Lusquiños

179
  • Onte se celebrou a primeira reunión cos veciños que se amosaron moi colaboradores e interesados pola iniciativa.
  • Mañá e o venres se repetirán os encontros en Tomeza.

O Concello de Pontevedra celebrou onte a primeira reunión cos veciños e veciñas de Tomeza para presentarlles o modelo de compostaxe individual que se implantará na parroquia ao longo do mes de maio. É a primeira parroquia que se incorpora ao sistema de compostaxe municipal.

Ao Local social de Lusquiños asistiron un nutrido grupo de residentes no lugar de Lusquiños que se amosaron moi interesados no plan, confirmaron a súa implicación -de feito xa solicitaron formalmente os composteiros- e se comprometeron a informar a outros veciños que non puideron ir á reunión de onte.

No encontro estiveron o concelleiro delegado da parroquia, Alberto Oubiña así como responsables da oficina de compostaxe do Concello, que explicaron o procedemento da compostaxe e resolveron dúbidas.

Para aqueles que non se puideron achegar onte, o Concello manterá outras charlas mañá e pasado mañá tamén no Local social de Lusquiños.

En principio, a charla de mañá, 2 de maio, está prevista para os residentes nos lugares de O Pobo, O Alcouce e Casal do Río a partir das 20.00 horas; e o venres, á mesma hora, para os veciños de Carballa, O Marco, Pomariño, O Pombal, Valadiña e San Pedro. Todas aquelas persoas que non poidan acudir na data que lle corresponde a súa zona, poden incorporarse ás que están programadas.

Unha vez que o Concello reciba todas as solicitudes, a empresa gañadora do concurso será a encargada de entregarlle os composteiros en cada unha das vivendas e de

montalos. Os técnicos da empresa Fruga serán os que acudan, acto seguido, ás casas para informar sobre como se composta e facer un seguimento doméstico. A empresa Fruga está contratada pola Deputación para este cometido.