Pontevedra acolle por 6º ano a festa das músicas galegas ao vivo na Gala dos Premios Martín Códax da Música

45
  • O espectáculo, no que coñeceremos os/as gañadores/as das 18 categorías entre os/as 54 finalistas, terá lugar o mércores 8 ás 21h. no Pazo da Cultura.
  •  Estará dirixido por Quico Cadaval, conducido por María Lado e Lucía Aldao e conta con escenografía de Ana Seoane
  • Destinado de entrada aos nominados e profesionais do sector, permitirá o acceso ao público en xeral no caso de quedar butacas vacantes.

A concelleira de Cultura Carme Fouces exerceu de anfitriona esta mañá na presentación da VI Gala dos Premios Martín Códax da Música á que asistiron Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, Sandra Mourelos, responsable de Comunicación de Bodegas Martín Códax e Javier Prado, voceiro da Asociación Músicas Ao Vivo.

Fouces abriu a rolda de intervencións sinalando que “é unha honra acoller dende o inicio, este proxecto que premia a música ao vivo galega en Pontevedra, no Pazo da Cultura. Os proxectos presentados e non só os finalistas son unha bolsa de información moi preciada para facer a programación cultural”. Carme destacou entre os nominados a ‘Bala’, p grupo de rock pontevedrés do que ademais forma parte Violeta, implicada en proxectos como o RockLab do Pazo da Cultura e unha das artífices do espectáculo de clausura do Salón co traballo do seu alumnado. Tamén apuntou a nominación de ‘Tangata’ que estará este sábado 4 ás 21h. no Teatro Principal con convidados/as como Uxía ou Tatán.

Deu paso a Xosé Leal non sen antes remarcar o apoio ás músicas ao vivo que se leva a cabo dende o Concello con proxectos como ‘Cabos Soltos’, respaldando a programación musical en salas de concertos etc. logo da Lei de Espectáculos de Galicia.


Pola súa banda, Xosé Leal apuntou que “os músicos galegos son unha fonte inesgotable de traballo co sector da montaxe e o son ao redor. Apremio aos festivais a que aposten pola música galega”. Sinalou a necesidade de “que a música tivera uns premios que a puxeran ao nivel do cinema como son os Mestre Mateo ou o teatro cos María Casares, e iso fixeron os Premios Martín Códax, como tamén remarcou Jacobo Sutil dende o AGADIC. Sutil apuntou non só a posta en valor do sector musical que levan a cabo, senón o valor que ten a gala en sí mesma, como un espectáculo no que interveñen todas as disciplinas artísticas.



Sandra Mourelos de comunicación de Martín Códax agradeceu o apoio a todas a institucións presentes que “permiten levar a cabo esta festa da música galega, tanto en calidade como en diversidade” e sinalou que os finalistas (54) xa son gañadores ao ter sido seleccionados entre os 442 proxectos presentados.


Pechou as intervencións Javier Prado da ‘Asociación de Músicas ao Vivo’ que tamén agradeceu “ao Concello por se a casa destes premios, que ao igual que a Deputación son o seu fogar, as bodegas Martín Códax so seus mecenas ao igual que o Agadic” e sinalou un espíritu de cooperación igual que ao levado a cabo dentro da asociación que representa. Prado, sinalou á industria musical como variada e rica e destacou o valor que está a coller nos últimos anos grazas a estas iniciativa á que cada ano se presenta entre 400 e 500 proxectos musicais, festivais e espazo de comunicación.

Ao respecto da gala en si mesma, que de entrada está destinada a convidados e profesionais do sector, apuntou á dirección artísitca de Quico Cadaval, a Aldaolado como condutoras da mesma e a Ana Seoane nos decorados e prometeu un “percorrido pola música galega dende o Medievo á máis viral. Escoitarmos sons árabes, atlánticos, jazz, etc. Nela terán cabida todas as reivindicacións do sector, como o Estatuto do artista ou a nova Lei de Espectáculos que creo incertidume pero concellos como o de Pontevedra souberon solventar con programas como ‘Cabos Soltos’. Nela queremos destacar tamén o papel da muller, representado na nosa xunta directiva onde 5 dos 7 membros son mulleres”.  Prado apuntou tamén ao espírito cooperativista como o das adegas e a aposta pola educación musical nas escolas a través de proxectos como o da Rede Espora que está a preparar uns podcast para difundir na web dos premios entre os máis novos e cubrir o espazo que queda entre a música infantil e a xuvenil”

Prado quixo destacar tamén a maridaxe entre músicas galegas e produto galego que se levara a cabo ao remate da gala con queixos de Arzúa- Ulloa, xamón de A Cañza, embutidos Torre de Núñez ou fabas de Lourenzá.

O próximo luns darase a coñecer a composición do xurado que “non se coñece entre si nin os proxectos participantes” escollerá os gañadores/as das 15 categoría musicais, a de festivais, a de espazos de comunicación a maiores do honorífico destinado  a Carlos Barruso

A gala será retransmitida en streaming na web dos premios www.premiosmartincodaxdamusica.com, e a crtvg e na TVG2 o sábado.