“Rostros Invisibles” de Ángel Paz, rock contra o maltrato ás mulleres e o machismo

18
  • O traballo conxuga os relatos do libro “Invisibles” de Montse Fajardo e experiencias vividas na súa familia polo autor 
  • Un concerto na Sala Karma, mañá 24 de maio, dará a coñecer ao público o primeiro álbum en solitario de Paz

Rock feminista, música reivindicativa, denuncia social. Ángel Paz, guitarrista e compositor pontevedrés, conxuga as tres faces no seu primeiro traballo discográfico en solitario “Rostros Invisibles”, inspirado nos relatos do libro “Invisibles” de Montse Fajardo e a historia real da nai e avoa do autor. “Historias reais (de mulleres) de maltrato e discriminación”, en palabras de Paz.

O CITA foi escenario esta mañá da presentación oficial de “Rostros Invisibles”, un acto no que o músico estivo acompañado pola xornalista e escritora Montse Fajardo e por Bea Campos, colaboradora do proxecto. No público as concelleiras de Igualdade, Carme Fouces e a do Rural, Pilar Comesaña.

A presentación ao público xeral será mañá 24 de maio nun concerto que terá lugar na Sala Karna, a partir das 22.00 horas. 

Ángel Paz reivindicou “a música, o rock con valores de concienciación social”, o papel do artista como visibilizador da realidade, como pode ser neste caso a violencia contra as mulleres, non só a física, a máis evidente, senón tamén a psicolóxica e situacións de discriminación e dominación que sofren as mulleres por selo. Paz bota man de vivencias da súa nai e avoa para denunciar os condicionantes sociais e familiares que impediron que fixesen a vida que querían. Algo que acadaron co tempo. E tamén interpreta dende a música as historias recollidas en “Invisibles”.

Montse Fajardo amosou a súa satisfacción polo alcance do libro “Invisibles”, que non só vai pola segunda edición senón que foi levado ao teatro e agora serve de base a este traballo discográfico. “Persoalmente ségueme a parecer moi sorprendente que outra xente, outros creadores, quixeran levar o libro e as súas historias ao seu terreo, contalo ao seu xeito. Todo o que sexa espallar é bo. Ademais, nestes dous casos espállase con traballos de calidade” indicou a escritora, para concluír que “estou moi contenta de que a carreira dun rapaz tan novo comece deste xeito tan comprometido”.

+ info http://angelpazmusic.com/inicio/

(teaser) https://www.youtube.com/watch?v=EHerht1dsKQ