Aprobado o proxecto de abastecemento de auga potábel do novo hospital de Montecelo

70
  • A Xunta de Goberno aprobou a proposta elaborada, financiada e que será executada pola empresa Viaqua. Ten un custe de 4,6 millóns e un prazo de execución de 20 meses
  • O proxecto tamén dá servizo á cidade infantil Príncipe Felipe e a unhas 610 vivendas de Mourente, parroquia que quedará totalmente conectada á rede de auga potábel do Concello

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto para completar a rede de abastecemento ao futuro hospital Montecelo. Un proxecto de 4.614.231,28 euros cun prazo de execución de 20 meses que permitirá completar a rede de auga potábel da parroquia de Mourente (a primeira de todo o rural que terá unha rede completa) e tamén mellorar o abastecemento á cidade infantil Príncipe Felipe.

O portavoz do Goberno, Raimundo González explicou esta mañá que esta é a primeira obra de abastecemento que se fará con cargo ás melloras ofertadas pola empresa Viaqua no novo contrato do ciclo da auga.

Con esta contratación que correrá a cargo da empresa concesionaria Viaqua, ao igual que a execución, o Concello de Pontevedra cumpre os compromisos propios coa construción do futuro hospital, que eran os relativos aos servizos: abastecemento e saneamento. Están pendentes outras colaboracións coa futura infraestrutura viaria do hospital e coas expropiacións pero que dependen da presentación do proxecto sectorial pendente por parte da Xunta de Galicia.

Ademais de dotar ao novo hospital, esta nova rede de abastecemento dará servizo aos lugares de Raxeira, Igrexa, Bouza, Casas Novas, Pazo, Cons, Carabelos e Condesa. Arredor de 610 vivendas. Na actualidade a parroquia de Mourente ten servizo de abastecemento nas vivendas situadas na liña da estrada de Ourense, e por debaixo da cota da rotonda de Montecelo.

A empresa presentou nestes días o proxecto que xa foi supervisado polos técnicos municipais. Os seguintes pasos serán os trámites administrativos do plan de seguridade, polo que a obra podería estar en marcha nun mes e medio.