Rilla na Rúa chega a Pontevedra

1175
  • A parcela de Tafisa acollerá esta feira lúdico-gastronómica, en formato foodtruck e con propostas para todas as idades, a vindeira semana: do 13 ao 16 de xuño

Oferta culinaria de calidade, espazo natural e actividades ao aire libre para todas as idades. Son os vimbios de Rilla na Rúa, a feira lúdico-gastronómica -en formato foodtruck- que terá lugar en Pontevedra a vindeira semana, do 13 ao 16 de xuño.

Alberto Oubiña, concelleiro de Parques e Xardíns en funcións presentou hoxe o evento, un limiar perfecto para a cita musical na beira do río da seguinte fin de semana: o Surfing The Lérez. Ao seu carón Isaac González, de Elemental Chefs, a empresa “alma mater” de Rilla na Rúa.

O escenario elixido é a parcela de Tafisa, “un oasis urbano: preto do río, xon espazo verde…” en palabras de Isaac González. Instalaranse unha decena de foodtrucks, cunha variada oferta gastronómica e arredor desenvolveranse distintas actividades como o Vintage Market, concertos, dj’s, actividades infantís… O horario será de 12.00 a 16.00 e de 19.00 a 02.00 horas todos os días, agás o xoves 13 que comezará ás 19.00 horas.

Rilla na Rúa conxuga tres liñas de traballo do Concello, segundo explicou o concelleiro Alberto Oubiña: a aposta polo produto galego de calidade; a dinamización do comercio local (os provedores locais terán protagonismo no subministro) e o fomento de programación musical, que inclúa artistas locais, e actividades lúdicas familiares e para todas as idades.

Rilla na Rúa chega a Pontevedra avalado polo éxito do seu paso por Nigrán, Santiago, A Coruña. Ourense, O Barco de Valdeorras e Cangas.

+ info: elemental.chefs