Lores reivindica o “entendemento e o acordo” das administracións para conseguir beneficios para Pontevedra

35
  • O alcalde da cidade asistiu esta mañá á inauguración do edificio da Xunta na rúa Benito Corbal xunto a Núñez Feijóo.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores salientou esta mañá que chegar a acordos e a entendementos con outras administracións “é o camiño correcto” nas relacións entre os executivos, e exemplo dese acordo é a inauguración da rehabilitación do edificio da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal, que se realizou esta mañá coa presenza do alcalde e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez.

Logo dunha visita polo edificio, o alcalde dixo estar satisfeito polo resultado xa que o inmoble “era un activo da cidade que estaba en situación de deterioro” e que agora terá diversos usos. Lembrou Fernández Lores que foi o Concello quen fixo fincapé na recuperación desta vella sede que apuntaba, inicialmente, a ser un nicho de creatividade e de promoción da man da Universidade de Vigo, tendo en conta que o espazo coincide plenamente coa especialización do campus de Pontevedra.

O alcalde recoñeceu estar “contento” por ter remado este longo período electoral “porque nel dinse cousas que agardo que nada teñan que ver coa realidade”. Asegurou que os partidos teñen suficientes diferenzas políticas sen a necesidade de entrar en cuestións que poidan chegar a deteriorar as relacións entre as administracións.

Neste marco, trasladoulle ao presidente da Xunta a necesidade de manter “unha reunión operativa de interese xeral para as dúas administracións” sobre temas pendentes na cidade (de feito, afirmou que dunha delas saíu a necesidade de recuperar o edificio que hoxe se inauguraba) coa intención de que certos temas poidan estar encauzados ao final do mandato.