O Concello acorda solicitar xuntanzas a Xunta, Goberno central e Deputación para impulsar proxectos pendentes

83
  • A primeira solicitude será ao presidente da Xunta, Alberto Núñez, xa que o resto de executivos están en funcións.
  • Na xuntanza institucional coa Xunta abordaranse temas como a variante de Alba, Montecelo, residencia da terceira idade, transporte público, estación intermodal…

O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá a segunda Xunta de Goberno do novo mandato 2019-2023, logo de ter celebrado o pasado sábado, 15 de xuño, -despois da toma de posesión- a Xunta de Goberno de constitución nomeando aos seus integrantes que serán: Miguel Anxo Fernández Lores, Anabel Gulías, Eva Vilaverde, Demetrio Gómez, César Mosquera, Carme da Silva e Raimundo González polo BNG; e Agustín Fernández e Iván Puentes, polo PSOE. Así como a delegación de competencias entre os 15 concelleiros de Goberno.

O pasado sábado tamén se celebrou a primeira Xunta de Portavoces para debatir a celebración do Pleno de Organización da Corporación que se celebrará o vindeiro mércores, 19 de xuño, ás 11.00 horas.

Entrevista con Feijoo

Entre os acordos da Xunta de Goberno está a decisión de transmitir ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, unha petición de xuntanza insitucional para o impulso de grandes temas vinculados con Pontevedra. De feito, esta mañá, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores xa lle trasladou verbalmente esta petición ao presidente da Xunta no encontro que mantiveron durante a inauguración do edificio da Xunta na rúa Benito Corbal.

Coa premisa da colaboración e reclamando o apoio para que Pontevedra poida ver materializados estes grandes retos, o alcalde levará como asuntos pendentes: a variante de Alba, o novo Montecelo, a residencia da terceira idade, o transporte público, a estación intermodal, a estrada de Vilagarcía, a depuradora, o dragado do Lérez, o pavillón da Parda, entre outros.

Tamén se acordou trasladar solicitudes de xuntanza ao resto de administracións -Goberno central e Deputación provincial-, unha vez que estean constituídos os novos executivos e co propósito de abordar, tamén, os temas pendentes con estas outras administracións.