Sae a licitación a iluminación artística das pontes sobre o Lérez

50
  • A financiación forma parte dun convenio coa Deputación que permitirá iluminar as pontes das Correntes, dos Tirantes e a pasarela peonil cara a Illa.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá iniciar o expediente de contratación do proxecto de iluminación das pontes sobre o río Lérez, imputado a un convenio coa Deputación provincial. O proxecto ten un prezo de licitación de 440.055 euros (ive, incluído), abrangue as pontes das Correntes, Tirantes e a pasarela peonil da Illa do Cobo e o prazo de execución é dun mes.

Esta intervención xa fora adxudicada polo Concello en xullo de 2018 á empresa Copcisa por 351.554 euros (case 100.000 euros máis que a licitación), que no momento da sinatura do contrato, informou aos técnicos municipais da imposibilidade de executala.

De común acordo, Concello e empresa decidiron rescindir o contrato.

Nese momento iniciouse un novo proceso de licitación que pasa necesariamente pola redacción dun novo proxecto, segundo esixe a nova Lei de Contratos. Para que fose distinto, acordouse sacar da contratación a Ponte de Santiago, xa que era unha intervención máis sinxela que as outras.

Ao respecto das pontes incluídas neste contrato:

  • A iluminación da Ponte das Correntes será a máis espectacular. Disporá de 106 proxectores LED RGBW en pezas de aceiro inoxidábel para agachalas, con control único programábel (cor, acendido). Moi similar á Ponte do Burgo.
  • A ponte dos Tirantes foi a decisión máis complexa xa que é a máis espectacular. Así que irá con luces brancas para iluminar os tirantes e as columnas (substituíndo os proxectores actuais), tamén se iluminará o taboleiro.
  • A pasarela peonil terá unha intervención respectuosa coa contorna natural e disporá de cordóns leds nos tirantes e proxectores no arco para as persoas que camiñan.

Aínda que se retirou a ponte de Santiago, o Concello tamén traballa nun novo proxecto  para que a ponte de entrada á avenida de Compostela teña unha nova iluminación.