Xa está operativa a plataforma Trocalibros de intercambio de manuais escolares para o vindeiro curso

157
  • Accédese a través de trocalibros.pontevedra.gal.
  • A concelleira de Benestar, Paloma Castro indicou que o programa pretende reutilizar os libros e dar resposta ás familias que se atopen nunha situación difícil.

Coincidindo co remate do curso escolar, a Concellaría de Benestar Social que xestiona Paloma Castro, pon en marcha a plataforma de intercambio de libros Trocalibros.pontevedra.gal na que as familias con fillos e fillas escolarizados en centros de ensino de Pontevedra se poden pór en contacto para intercambiar os seus manuais de texto que aínda estean operativos no curso 2019-2020.

O manexo é sinxelo. As familias deben facerse usuarios/as da plataforma e logo encher no sistema os libros que ofrecen e os libros que solicitan. Se eses libros foron ofrecidos por algunha familia o sistema lle facilita os datos de contacto.

Aínda que non se pode garantir que estean dispoñibles os libros que se solicitan, o éxito do sistema depende da achega das familias. Cantas máis familias e cantos máis libros se ofrezan máis opcións haberá para todas elas.

Os requisitos deste programa son:

  • Os escolares deben estar cursando estudos en centros educativos da cidade.
  • O intercambio abrangue os cursos dende 3º de primaria e ata 2º de bacharelato (os libros de infantil e ata 2º de primaria non se poden volver a usar).
  • Os libros deben estar en bo estado.
  • Non se pode pedir ningunha cantidade económica polos libros, o intercambio é de balde.

A concelleira de Benestar, Paloma Castro aposta por promover un espazo colaborativo e contribuír a xerar un modelo de desenvolvemento sostible dende a perspectiva económica, ecolóxica e social. “Este é o obxectivo deste proxecto de reutilización dos libros de texto, que ademais pretende dar resposta no ámbito educativo a familias pontevedresas que se atopan nunha situación difícil”, indicou a concelleira.

“Dende a Concellería de Benestar queremos impulsar o Proxecto do Trocalibros, co fin de prolongar a vida dos manuais, transmitir valores de respecto e coidado cara o material escolar e solidariedade”, concluíu.

Dende o departamento de Benestar, indícase que como se trata dunha experiencia bastante nova en todo o Estado, solicitan a colaboración das familias pedíndolles as melloras que se poidan facer de cara a próximos cursos, transmitíndoo a través do e-mail de contacto da plataforma.