O Local de Música prepara a posta en escena das bandas locais para as Festas do verán

30
  • Ademais de cambiar a imaxe, tamén pon en marcha unha páxina web localdemusica.gal que serve para traballar en rede con todos os usuarios do Local.
  • Este sábado, 29 de xuño, está previsto o Serán de Tralla nas instalacións provisionais do skatepark de Mollavao.

O Local de Música de Pontevedra atópase inmerso nun fervedoiro de actividade no verán. Refeita a súa imaxe para afrontar unha nova etapa, grazas á colaboración dos grupos que traballan dentro das instalacións, agora pon en marcha unha nova páxina web localdemusica.gal que dá unha gran multifuncionalidade aos usuarios e traballadores do Local, ademais de ser unha excelente carta de presentación para a sociedade pontevedresa.

Esta nova ferramenta dixital permite abrir itinerarios formativos para os usuarios e integrar novos programas como Cabos Soltos procurando ser un punto visíbel da hostalería da cidade.

Nun marco de grande actividade musical na cidade, o Local de Música reformulou hai dous anos os Bolos do Local en tres liñas de traballo partindo do curso de programación musical:

  • A Peregrina, que é a escolla dun grupo que fará de teloneiro dun concerto das Festas da Peregrina, na praza do Concello. Nesta ocasión será Fondo Norte.
  • Son da Serea son as bandas de música local que tocarán na praza do Teucro o 29 e 30 de xullo. Os grupos son Jacobo Sainz, Liberad al Kraken, Cubo Metálico, Flava Bowl, Anecoid, Fast Fuzz, Ashes of Eden e Anadhor.
  • Serán de Tralla é un día onde a música e o deporte se misturan para facer unha gran festa, no que a mocidade reúnese para pór en valor o talento emerxente musical da cidade. As bandas que tocarán neste Serán de Tralla son: DabelaII, Daquela, Deliria Drama, Essa Galera, Fuzz Faces, Longfield, No te puto pilles,  Proceso norte e Savage Wolf. O Serán de Tralla será este sábado, 29 de xuño ás 18.30 horas no skatepark provisional de Mollavao.