Avanza a urbanización do Gorgullón coa colocación da nova iluminación

199
  • Son os mesmos farois instalados no porto de Rotterdam, Amsterdam, Harlem ou nas estacións de ferrocarril de Holanda.
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

Pontevedra, 28 de xuño de 2019. O acondicionamento do Camiño de Santiago ao seu paso pola rúa Gorgullón está a transformar totalmente o espazo público. O enlousado da rúa xa está colocado até a metade de rúa, que neste primeiro tramo empeza a completar a urbanización coa colocación da nova iluminación.

O Gorgullón que será financiada, en parte, cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), leva tres tipos de iluminación distinta no seu trazado. En toda a rúa instalaranse 32 unidades de columna de 7 metros de alto cunha luminaria led de 70 watios. 

O corpo da columna está fabricado en aceiro de carbono e protexido contra a corroxión a través da galvanización en quente. 

A empresa Setga é a que está a instalar as luminarias, e son as mesmas que a empresa pontevedresa colocou no porto de Rotterdam, en Amsterdam, en Harlem e nas estacións de ferrocarril de Holanda.

Ademais, a iluminación do Camiño completarase coa instalación de seis balizas na rúa do Muíño no seu entronque coa senda do Gafos, e 12 na parte superior da rúa, semellantes ás da rúa Virxe do Camiño. As mesmas que se instalarán na praza que se creará fronte a estación de Vialia.

A reforma da rúa Gorgullón está incluída dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).