Nove ofertas para executar o novo parque forestal da Tomba

96
  • A Mesa de Contratación abriu esta semana as ofertas e os servizos técnicos estudan agora as propostas presentadas

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra reuniuse esta semana para abrir as nove ofertas de empresas para crear o novo Parque Forestal da Tomba, na parroquia de Campañó, que ten un orzamento de licitación de 441.754,54 euros. O segundo parque forestal de Pontevedra terá unha superficie de 67,98 hectáreas cedidas en uso pola comunidade de montes ao Concello de Pontevedra por un período de 30 anos.

As compañías que se presentaron a esta licitación foron:

  • Repoboacións e desbroces do Noroeste Redenor: 421.201,00 euros.
  • Otero forestal: 373.720,60 euros
  • Elsamex: 372.254,54 euros
  • Seanto: 399.346,11 euros
  • Servitec medioambiente s.l.: 399.699,51 euros
  • Galega de actuacións no rural: 382.105,41 euros
  • Arines obras y proyectos: 354.066,28 euros
  • Narom: 397.137,33 euros
  • Movimientos de áridos y construcciones de Arosa, Marconsa: 397.579,07 euros

Da superficie total do parque forestal, 17 quilómetros serán de sendas, delas 1,1 km poderán ser transitadas ocasionalmente por vehículos e 15,9 serán para peóns e de convivencia (segundo os tramos) con ciclistas de paseo.

Está formado por 22 hectáreas de souto, 20 hectáreas de frondosas (castiñeiros e carballos), 3 hectáreas de oliveiras e 15 hectáreas de bosque mixto.

Na parte alta terá un miradoiro feito sobre unha antiga torre de vixía derruída, e outro sobre un espazo de rochas, con vistas sobre Pontevedra e a súa ría.

O proxecto busca unha mellora substancial dos usos sociais e ambientais deste espazo coa creación e mellora de sendas, plantacións de especies autóctonas e a eliminación de plantas invasoras (acacias e eucaliptos que se fará manualmente) que dean maior valor ecolóxico á zona de intervención, habilitar zonas para a práctica deportiva, zonas de xogos ou miradoiros sobre a ría.

Búscase un incremento do número de visitantes atraídos polo patrimonio local. As actuacións permitirán unha maior afluencia de visitantes.