A Festa dos Libros volve a Pontevedra coa participación de 13 librerías locais

19
  • Será esta fin de semana na praza da Ferraría, pola mañá e pola tarde.
  • Organizada polo Concello, as librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La nube de Papel, Luna Nueva Libros, Metáfora e Paz.
  • Presentacións de autores, sinaturas de libros, mesas redondas, contacontos, obradoiros e actuacións musicais compoñen o programa de actividades pensado para todos os públicos.

A cidade de Pontevedra acolle esta fin de semana –venres 5, sábado 6 e domingo 7– a terceira edición da Festa dos Libros, organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración con trece librarías da cidade. Durante tres días, a praza da Ferraría converterase nun punto de encontro de escritores e escritoras, libreiros e libreiras, editoriais e amantes da lectura, nun espazo de descubrimento, de curiosidade, de aprendizaxe e de gozo arredor da palabra e dos libros.

Os postos das librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Luna Nueva Libros, Metáfora e Paz estarán abertos o venres e o sábado de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 23.00 h e o domingo, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 h e ofrecerán un 10% de desconto en todas as compras, así como sinaturas de libros nos seus respectivos stands. 

Por terceiro ano consecutivo, os libreiros e libreiras de Pontevedra volven sacar os seus libros á rúa na procura de lectores e lectoras. E fano acompañados dunha completa programación que abrangue a presenza de máis de setenta autores e autoras que participarán nunha trintena de actividades repartidas entre presentacións e sinaturas de libros, charlas, relatorios, recitais, mesas redondas, obradoiros…

Presentacións de libros

Canto as presentacións de libros, numerosos autores e autoras pasarán pola Festa dos Libros para dar a coñecer os seus últimos traballos como Fina Casalderrey, Diana López Varela, Francisco Castro, Eli Ríos, Emma Pedreira, Antón Lopo, Eva Mejuto, Julián Rodríguez Novo ou Xosé Manuel Conde. 

Cómpre destacar a presenza de Carlos Bardem (domingo ás 19.00 h) que presentará Mongo blanco, unha novela histórica sobre o maior traficante de escravos de España do século XIX coa que o actor e guionista regresa á súa faceta literaria, así como a de Manuel Rivas (venres ás 19.00 h), que falará sobre literatura e pensamento en liberdade, e as súas últimas obras publicadas: Vivir sen permiso e outras historias do Oeste e Contra todo iso. Un manifesto rebelde.

O pontevedrés Manuel Jabois tamén visitará a carpa da Ferraría para falar de Malaherba, a súa nova novela sobre a perda da inocencia e os primeiros espertares da infancia a temas como o amor e a morte. E Ledicia Costas (sábado ás 19.00 h) dará a coñecer o seu thriller psicolóxico Infamia, no que se achega ao lado máis escuro da condición humana e que supón o salto da literatura infantil e xuvenil –na que se centrara nos últimos anos– á literatura para adultos.

Ademais, outros moitos escritores e escritoras estarán na Festa dos Libros para asinar exemplares dos seus libros. Entre eles figuran Iria Collazo, Manuel Lourenzo, Kiko da Silva, Susana Sánchez Aríns, Xosé Monteagudo ou Milagros Bará…, por mencionar algúns nomes.

Outras actividades

O programa abrangue outros actos destacados como o encontro Enfiando lecturas (sábado ás 13.00 h, organizado pola Libraría Paz) con Antón Lopo, Adolfo Caamaño, Jorge Campos e Susana Sánchez Aríns, ou a presentación da obra Castelao. Construtor da nación (Tomo I, 1886-1930, primeiro tomo da monumental biografía de Castelao asinada por Miguel Anxo Seixas, na que tamén participarán o escritor Emilio Xosé Insua e Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao e que se desenvolverá ás 18.00 h. Un pouco máis tarde, ás 20.30 h, chegarán As Miradas Cruzadas entre os escritores Ana Cabaleiro e a súa novela As Ramonas e Daniel Asorey e o seu poemario Transmatria. Que sairá desta conversa entre ambos cruzando ideas en común?

Por outra banda, o domingo celebrarase ás 13.00 h a mesa redonda que leva por título Colón galego? Unha orixe máis aló dos libros na que participarán Aquilino Fariñas Godoy, escritor de novela histórica Pedro Madruga – Cristóbal Colón. De Galicia al Nuevo Mundo; María Fidalgo Casares, doutora en Historia e membro da Academia Andaluza da Historia e autora de Bocetos para la historia; e Afonso Eiré López, xornalista e coordinador de Galegos Universais. Influencia de Galicia no mundo, coa moderación do presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego, Eduardo Esteban Meruéndano. E a partir das 20.00 h a poeta Tamara Andrés desenvolverá a acción poética Sabes o que queres. Escoita

Para o público infantil

A programación para o público infantil iniciarase o venres ás 12.00 horas co obradoiro de Estefanía Padullés A manchas ou a raias?, un conto para nenos e nenas maiores de 4 anos para aprender a respectar a diferenza. Unha hora máis tarde, será a quenda de Polo Correo do Vento e a súa intrépida detective Peregrina que –nun contacontos ilustrado– terá que resolver o insólito caso Antonio Fraguas.

O sábado, ás 11.30 horas, os poetas Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos, co acompañamento musical de Lurdes López, presentarán o seu novo libro, Versos e viceversos, da man de Kalandraka. E ao día seguinte, ás 11.30 horas, cargados de equipaxe e viaxando en caravana, os ratos do conto Ratos de viaxe (Kalandraka) marchan á praia, pero farán unha parada na Festa dos Libros, acompañados polo seu autor, Xosé Manuel González ‘Oli’, e o músico Paco Nogueiras.

Xa pola tarde, terá lugar a presentación de Don Ferretín Ferretón e o seu cadelo lambón, (Barafunda Editorial) coa autora Cristina Corral Soilán e a ilustradora Aurora Cascudo Román. Na actividade, organizada pola Libraría Paz, estarán acompañadas polos cans do Club Can de Palleiro que interactuarán co público. Será na Zona de obradoiros ás 18.00 horas. 

Obradoiros para adultos

Para adultos, na Zona de obradoiros desenvolveranse un curso de iniciación á caligrafía con pincel (venres 5, de 18.30 a 20.30 h), de estampación térmica nunha bolsa de tea (sábado 6, de 18.30 a 21.30 h) e de libreta con encadernación xaponesa (domingo 7, de 12.00 a 14.00 h). Os tres talleres son gratuítos e serán impartidos por Elena del Cerro (Las Ilustradas). Haberá 10 prazas dispoñibles para cada taller, con inscrición previa no correo-e luz@ovopublicidade.com, e proporcionaranse todos os materiais necesarios.

Actuacións musicais

Unha actuación musical pechará o programa cada día. Rebel Spirit e Alan –dúas das seis formacións que deron vida á primeira edición do proxecto Xeración Sónica– serán os primeiros en tocar o venres ás 22.00 h.

Xeración Sónica é un proxecto de titorización de proxectos musicais e audiovisuais enfocado á rapazada de 13 a 16 anos, impulsado pola Concellaría de Xuventude e que se desenvolve no Local de Música. Esta actuación é froito dun proxecto de innovación colaborativa en responsabilidade social coa Festa dos Libros co obxectivo final de axudar a saída á rúa dos seus discos e na realización dos seus produtos audiovisuais.

O sábado ás 22.00 h terá lugar o concerto de grupo de jazz GDJAZZ 4TET. O trompetista Javier Pereiro estará acompañado nesta ocasión por Felipe Villar (guitarra), Juansy Santomé (contrabaixo) e Max Gómez (batería).

Finalmente, o domingo ás 21.00 h, o folk de Comando Foucellas porá o broche de ouro á terceira Festa dos Libros de Pontevedra.