A reforma da rúa Echegaray comezará o luns, 8 de xullo

276
  • O Concello ultima o plan de tráfico que rexerá durante os 6 meses que está previsto que dure a obra

A reforma da rúa Echegaray comezará o vindeiro luns, 8 de xullo. Mentres, o Concello está a ultimar o dispositivo de tráfico necesario para regular o tráfico a motor na zona durante a obra. Os traballos na rúa Echegaray están incluídos dentro das melloras do novo contrato do ciclo da auga adxudicado á empresa Viaqua, polo que será a concesinoaria a que asuma integramente a reforma valorada en 696.000 euros.

Os servizos serán totalmente novos. O saneamento cambiarase por ambos lados, polo que se instalarán 425 metros lineais de tubaxe, 28 pozos e 37 acometidas. Na auga, haberá unha substitución da rede na marxe dereita (de saída da cidade) xa que a esquerda é nova, e instalaranse 14 unidades de acometida.

Tamén se substituirán as redes de pluviais por ambos lados até completar 425 metros lineais, 23 pozos, 37 acometidas, e 26 sumidoiros.

Outra das actuacións é a modificar toda a canalización eléctrica, tamén nunha lonxitude de 425 metros.

A reforma en superficie segue os mesmos estándares que o resto da cidade. Gáñase espazo para os peóns ampliando as beirarrúas, aínda que quedará un carril de servizo a ambos lados. Haberá unha superficie de 1.804 m2 de urbanización de beirarrúas, e 1.634 m2 de estacionamentos e viais.