Adxudicado á empresa Brincantel a execución do parque infantil de Médico Ballina

97
  • O prezo de adxudicación é de máis de 157.000 euros,
    e o prazo de execución da obra de 3 meses.

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra aprobou esta semana a adxudicación á empresa Bricantel España S.L. a execución do novo parque infantil de Médico Ballina por un prezo de adxudicación de 157.520,79 euros (a licitación era de 175.000 euros) e un prazo de execución de 3 meses.

O parque de Médico Ballina instalarase sobre a cuberta do túnel do tren, na marxe dereita da rúa Médico Ballina, en dirección Pontevedra-Santiago.

Estará situado nunha parcela de 1.198,42 m2, onde se pretende crear unha zona de estancia para os acompañantes dos rapaces, e unha traseira na que se instalarán os xogos infantís. Na entrada ao parque, onde se situarán os acompañantes, o prego recolle a colocación, cando menos, de 4 bancos, papeleiras, mesas con xogo de mesa e bancos incorporados, mesa de pinpong e unha fonte adaptada para mobilidade reducida.

Na zona de xogos, o prego deixa aberto o tipo de bambáns que se queiran colocar, pero marca como obrigados un xogo inclusivo e bambáns con unha cadeira tipo cueiro e outra inclusiva tipo hamaca; un xogo de tirolina e outro tipo cesta múltiple.