Habilitadas as partidas económicas para Loureiro Crespo, o skatepark, as subvencións dos clubs deportivos e iluminación led para Lourizán

90
  • O Goberno levará ao pleno de xullo unha modificación de crédito de 4,2 millóns aproveitando o primeiro pleno “operativo” do mandato.
  • Están incluídas, tamén, máis dotacións para o parque de bombeiros por máis de 250.000 euros.

O novo Goberno Local traballa dende “o minuto un”  na posta en marcha da maquinaria administrativa tal e como explicou esta mañá o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González que presentou unha modificación de crédito de 4.213.948,57 euros que será debatida no vindeiro pleno municipal do día 15 de xullo. O 87% da modificación está destinada a investimento fronte a un 13% destinada a gasto corrente.

Os proxectos e accións que se financiarán con esta modificación son:

Concepto Importe
Mellora urbana de Loureiro Crespo e barrio do Castañal 2.557.256 euros
Proxecto básico do Skatepark 568.453,15 euros
Implantación de tecnoloxía led iluminación Lourizán 217.871,27 euros
Mobiliario do Mercado 16.800 euros
Impermabilización cuberta gardería A Parda 44.528 euros
Construción de marquesiñas 10.840,15 euros
Actividades Xuventude 40.200 euros
Actividades Deportes 80.000 euros
Concerto entidades deportivas 300.000 euros
Axudas promoción actividades deportivas 25.000 euros
Federación española de Tríatlon 100.000 euros
Servizo de Extinción de incendios 253.000 euros

Loureiro Crespo

Entre os proxectos máis importantes que se financiarán con esta modificación de crédito está a reforma de Loureiro Crespo e do barrio do Castañal con un orzamento superior aos 2,5 millóns de euros.

Nesta reforma inclúense a rúa Loureiro Crespo dende a praza do Hospital até Avenida de Lugo, así como as rúas do Castañal: Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo e Ramón Cabanillas.

Farase unha substitución dos servizos en todas elas, e o tratamento en superficie variará segundo o ancho da rúa mantendo carrís de circulación ou plataforma única segundo o caso.

Skatepark

Outro proxecto que se financiará con esta modificación é o Skatepark que está previsto construír nunha parcela de 10.600 m2 na entrada do campus universitario. Ten un orzamento de 568.000 euros e ocupará unha superficie de 1.342 m2.

Foi un proxecto moi consensuado coa asociación que practica este deporte na cidade que puido participar directamente do deseño do novo skate.

Iluminación led en Lourizán

Seguindo co proxecto de substitución da iluminación nas parroquias do rural, o Concello acometerá agora a colocación de lámparos led na parroquia de Lourizán. En concreto naquelas rúas e camiños que non teñen esta tecnoloxía, dado que unha parte da parroquia (a máis próxima a Marín) xa dispón dela grazas a un proxecto conxunto que se realizou fai uns anos co Concello de Marín.

A intervención prevista agora supera os 200.000 euros.

Subvencións deportivas

A modificación de crédito tamén recolle a consignación do pago da anualidade 2018/2019 das subvencións anuais do Concello aos clubs deportivos. A contía é de 300.000 euros. Nestes momentos o Concello está pagando os primeiros prazos da liña de subvencións 2017/2018 e é intención traballar nas bases da seguinte liña de subvención que se poderán pagar neste mesmo ano.

Ademais, a modificación de crédito recolle outras partidas como unha de máis de 253.000 euros para mellorar o parque de bombeiros, a cargo da compensación anual do convenio do consorcio de seguros.  

Saúdos  ;-))