- Unha Xunta de Goberno extraordinaria aprobou esta mañá a creación destes postos, que serán aprobados no pleno do vindeiro 15 de xullo.
- É coñecida a persoa que ocupará a área de Alcaldía e Urbanismo, Xosé Manuel Tato Camino que leva 8 anos exercendo esta dirección xeral. O resto de postos serán ocupados, na medida do posible, por traballadores públicos do propio Concello
O Concello de Pontevedra deu esta mañá os primeiros pasos necesarios para a reforma da administración local buscando unha administración “máis eficaz e resolutiva, que é unha prioridade política do Goberno”, segundo explicou a portavoz do Goberno e responsable de Réxime Interior, Anabel Gulías. Unha Xunta de Goberno extraordinaria aprobou esta mañá a creación de catro direccións xerais que tratarán que a administración “funcione como un reloxo suízo”.
As direccións creadas foron a de Alcaldía, Urbanismo e Servizos Xerais que na actualidade é a única existente e que seguirá ocupada polo actual responsable, Xosé Manuel Tato Camino.
As outras tres direccións xerais do Concello serán a de Mobilidade, Protección Cidadá e Recursos Humanos.
Ao respecto da de Mobilidade está moi vinculada á excelencia dos espazos públicos que persegue como obxectivo principal o novo Goberno municipal e tamén moi vinculada co Modelo de Cidade.
A de Protección Cidadá asumirá a dirección de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil, coordinada con outras direccións xerais.
A de Recursos Humanos pretende ser o interlocutor directo cos máis de 500 funcionarios dos que dispón o Concello de Pontevedra, traballando na prioridade do Goberno Local de adaptar a administración aos novos tempos.
Anabel Gulías explicou que esta decisión aprobada esta mañá nunha Xunta de Goberno Local será debatida no vindeiro pleno municipal, do 15 de xullo, de tal modo que o vindeiro 1 de setembro estean os “deberes feitos” para que estes órganos directivos poidan empezar a organizar a súas áreas de traballo.
A concelleira de Réxime Interior afirmou que o Goberno está buscando entre funcionarios municipais persoas para ocupar estes novos postos directivos, tendo en conta que os requisitos legais son que sexan traballadores públicos da categoría A1 (a máis alta da administración), “xa que dentro da Casa temos persoas que están facendo un traballo exemplar”.
Unha das competencias destes novos cargos directivos será centrar o mandato nas prioridades de Goberno: o modelo de cidade ou o sostemento dos espazos públicos.