Unha oficina de atención ao público atenderá dúbidas sobre as liquidacións do IBI resultantes da revisión catastral

287
  • Abre mañá, 8 de xullo, na Casa da Luz en horario de 16 a 19 horas. Tamén estará aberta nese horario mércores e xoves. Estará operativa até o 31 de xullo.
  • As consultas son de balde e os interesados poderán preguntar dúbidas e, incluso, presentar alegacións ante Catastro polas revisións feitas.

O Concello de Pontevedra abre mañá na Casa da Luz unha oficina de atención aos veciños e veciñas cuxas propiedades foron obxecto de revisión por parte do Catastro durante este ano e o pasado. Este novo consultorio pretende resolver as dúbidas dos propietarios que están a recibir as notificacións municipais para o cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI) froito daquela revisión catastral, e tamén para proporlles -de ser o caso- a posibilidade de alegar ante Catastro polas revisión feitas.

A oficina atenderá a partir de mañá, luns, 8 de xullo, en horario de 16.00 a 19.00 horas. Estará aberta os luns, mércores e xoves até o 31 de xullo. As consultas son totalmente de balde, e o asesoramento correrá a cargo do Concello.

Nestes momentos, veciños e veciñas de Pontevedra están a recibir notificacións da Oficina municipal do cobro do IBI para liquidar as contías correspondentes ás revisións que realizou Catastro nos últimos meses. 

Esa revisión realizada de oficio pola Dirección Xeral do Catastro, pertencente ao Ministerio de Facenda, centrouse nas construcións auxiliares do rural (galpóns, garaxes, piscinas…, agás hórreos), que até o de agora non estaban suxeitas a este réxime.

Como consecuencia destas revisións, as propiedades de moitos veciños de Pontevedra viron incrementado o seu valor catastral. Estas modificacións foron trasladadas ao Concello, dándoas de alta no Padrón do IBI, e nestes momentos está a emitir os recibos correspondentes a estes incrementos catastrais.

Son moitos os veciños que se teñen achegado ao Concello preguntando polos novos recibos que chegaron os seus domicilios. Para aclarar a situación, para revisar os recibos e incluso, para facer alegacións ante Catastro, se fose o caso, o Concello pon en marcha esta oficina ante a que estará a empresa que xa se encargou de asesorar aos veciños na primeira fase da revisión catastral, aquela na que chegaron ás casas dos pontevedreses ducias de cartas da Dirección xeral do Catastro informando das revisións.