O Concello ten en execución obras no ámbito urbano e no rural por 13,5 millóns

34
  • A primeira xuntanza da Comisión de Mobilidade fixo balance de 8 actuacións no centro urbano por valor de 7.500.000 euros, e outras 8 no rural por un importe de 6.000.000 euros

A primeira xuntanza da Comisión de Mobilidade aproveitou para facer balance das obras que están en execución neste momento tanto no centro urbano como nas parroquias do rural. Segundo informaron os concelleiros responsables de Obras Urbanas e Transportes, Demetrio Gómez, e de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña, están en execución 16 actuacións que, en total, ascenden a un investimento aproximado de 13.500.000 euros.

Demetrio Gómez salientou que “o orzamento que se está executando neste momento é moi alto, o que supón un volume de traballo para as empresas de Pontevedra tamén moi elevado”. O concelleiro responsable de Obras Urbanas tamén indicou que “demostramos que temos a maquinaria municipal traballando a todo trapo para que todo funcione como un reloxo” explicou que este ritmo “esixe que os servizos de Contratación, Intervención, Tesourería, Enxeñería, Arquitectura, os vixiantes, etc, todos estean traballando de xeito coordinado”.

No centro urbano, e cun orzamento aproximado de 7,5 millóns en total, o concelleiro de Obras citou en primeiro lugar as do Centro Social do Burgo, indicando que están practicamente rematadas e que tan só faltan as actuacións no exterior do edificio. No ámbito dos equipamentos, tamén está activa a nova sede municipal de Ferreiros, que acaba de comezar e ten un prazo de execución de 6 meses. 

En canto a urbanizacións, estanse a executar as obras da Ponte do Burgo, que neste momento se está rematando a prancha de formigón para proceder, posteriormente, a colocación da lousa de pedra. Mentres, no Gorgullón e na rúa Lepanto xa están rematados os servizos soterrados e vaise iniciar a pavimentación. Por último, as tres obras restantes en execución son as da rúa do Rouco, as da rúa Echegarai, e as da rúa da Porta Grande.

Actuacións no rural

No rural, e cun orzamento aproximado de 6.000.000 de euros, Alberto Oubiña comezou a relación citando o acceso ao Xistro desde a Ruibal (Salcedo), onde a actuación abrangue tanto ao saneamento como ao calmado do tráfico e á mellora da seguridade peonil. Tamén informou que para esta actuación se está en contacto con Autoestradas, posto que esta vía pasa por dúas pontes da autoestrada, co obxectivo de consensuar entre ambas entidades o remate da obra. Tamén se está a realizar a actuación para calmado do tráfico na contorna do colexio de Vilaverde (Mourente), mentres que no lugar da Peralba (Marcón) se está rematando a conexión de saneamento para, de seguido, proceder á mellora do firme, así como a realizar as conexións de pluviais e a mellora integral do núcleo. 

Do Rial a Rorís e na Meán (Lourizán) vaise acometer unha actuación que, segundo explicou, “afecta a unha zona moi desfavorecida e con moitas complicacións por cotas, con viais moi estreito, sen beirarrúas, e que esixe solucións moi precisas para adptalas aos estándares de calidade”.

Na parroquia de Lérez estanse a acometer as obras de calmado do tráfico, no vial de Fomento (N-550), que era unha loita histórica dos veciños e veciñas; así como o saneamento no lugar de Ramallás. Por último, citou a primeira fase de saneamento en núcleos de Verducido (Verducido e Outeiriño) e Campañó (Campañó de Arriba, Piñeiro, Carballiños, Moldes e O Freixo).