Rematado o prazo de presentación de solicitudes para a Feira Franca

24
  • Recibíronse 152 propostas para o Mercado, 250 de particulares para xantares e ceas e 150 da hostalaría.

A Oficina da Feira Franca pechou onte o prazo para a recepción das solicitudes de particulares e empresas para participar na vindeira edición do 6 e 7 de setembro. Segundo os datos que obran no departamento, se recibiron 152 propostas para participar no Mercado (tanto de artesáns como de alimentación), 250 solicitudes de particulares para xantares e ceas, e 150 peticións da hostalería do ámbito de celebración da Feira Franca.

A Oficina, situada no edificio municipal de Alfonso XIII, permanecerá aberta de 10 a 14 horas, durante os vindeiros días para atender as propostas das persoas que participen na Feira.

Nesta edición da festa, o Consello Aberto da Feira Franca decidiu aproveitar o aniversario dos 20 anos desta emblemática cita na cidade, para elixir como temática a propia Feira Franca. Con esta decisión preténdese homenaxear a todos os participantes (asociacións, entidades, clubs, particulares, hostalería…) que durante estes 20 anos converteron a Feira Franca unha das citas máis significativas do verán galego.

De feito, moitas das persoas que estes días se achegaron ao edificio de Alfonso XIII preguntaron por esta celebración e comentaron a intención de recuperar decoracións de anos pasados.

O Concello de Pontevedra tamén recuperará elementos, espectáculos e actividades que se foron realizando durante a traxectoria da Feira Franca, e así contribuír a esta homenaxe ás persoas que participan activamente para que a cidade volva á Idade Media durante unha xornada e media no mes de setembro.