Máis de 400 nenos de entre 4 e 14 anos participarán na ‘clásica’ da bicicleta de montaña Mini BTT de Salcedo

328
  • O Club Ciclista Farto conta coa colaboración do Concello para organizar este evento, que se terá lugar este domingo, a partires das 11.00 horas, nos terreos do antigo campo de tiro da Brilat

A parroquia de Salcedo acollerá o vindeiro domingo a IV edición da Mini BTT da Comunidade de Montes, unha ‘clásica’ da bicicleta de montaña que o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz, calificou como “unha gran proba, a máis importante do calendario nesta categoría”. Uns 420 nenos procedentes de equipos de toda a xeografía galega participarán o domingo, a partires das 11.00 horas neste evento deportivo, que se desenvolverá nos terreos do antigo campo de tiro da Brilat.

A proba, organizada polo Club Ciclista Farto coa colaboración da Concellería de Deportes de Pontevedra, que dirixe Tino Fernández, foi presentada hoxe nunha rolda de prensa na que, ademais de Carlos Muñiz e do concelleiro socialista, estivo presente un dos monitores do equipo ciclista, Francisco Lozano, e unha nutrida representación dos rapaces que van competir (ben equipados coas roupas de ‘faena’). Tino Fernández destacou “o máis que considerable empuxe do BTT” no noso concello, así como a importancia “deste tipo de eventos, que permiten xera hábitos de vida saudables entre os nenos”. 

“O Concello -apuntou o edil do PSOE- vaise implicar nestas actividades, xa que, á marxe dos grandes eventos, resulta esencial xerar unha masa crítica e apoiar o desenvolvemento de clubes deportivos potentes en Pontevedra”.

Rolda de prensa de presentación da proba celebrada hoxe no Concello de Pontevedra.

Neste sentido, o presidente da Federación Galega de Ciclismo salientou tanto a labor do Concello capitalino como a do Club Ciclista Farto, que impulsou “un incremento no número de licencias” e que se implicou de xeito activo en tarefas organizativas. Segundo explicou, os máis de 400 rapaces que participarán na proba cos seus equipos proceden das máis diversas zonas de Galicia, “dende Viveiro e Coruña até Maceda e O Rosal”.

O voceiro do Club, Francisco Lozano, precisou que os nenos teñen idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos e competirán nun total de 13 categorías masculinas e femininas. Os organizadores da Mini BTT Comunidade de Montes de Salcedo entregarán trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría, así como medallas aos que queden en cuarto e quinto posto.