Unha ‘peregrinación’ polos hospitais de España e unha canción, no programa de ASSEII para sensibilizar á sociedade sobre as enfermidades intestinais

86
  • A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, vólcase cun programa de actividades deportivas e sociais de visibilización que inclúe a celebración da V Xornada de Ostomías e da Brincadeira en Familia

A Concellería de Benestar Social, que dirixe a socialista Paloma Castro, volcarase co amplo programa de actividades sociais e deportivas deseñado pola Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (ASSEII) para sensibilizar á xente e facer visible a realidade das persoas que padecen este tipo de dolencias. Entre os proxectos que foron presentados hoxe á edil do PSOE polos voceiros do colectivo, Ángela Paz e Víctor Loira, figuran a colaboración co grupo Bombai nunha canción sobre as persoas ostomizadas e unha ‘peregrinación’ polos hospitais de España para solicitar unidades inflamatorias intestinais, enfermeiras estomaterapeutas e aseos para ostomizados.

Paloma Castro amosou a plena disposición do Concello de manter no tempo a colaboración económica e administrativa que o seu departamento mantén con ASSEII e coincidiu cos membros do colectivo na necesidade de “desenvolver un labor medioambiental que permita prevenir e mellorar moitas patoloxías”. Pola súa banda, Ángela Paz amosouse “moi satisfeita” por este primeiro encontro, no se que “se expuseron tódolos proxectos previstos e algunhas outras propostas” e se pechou o calendario de actos de presentación e promoción dos mesmos.

Na axenda de eventos de sensibilización inclúese a organización, por quinta vez, do proxecto de ocio inclusivo Brincadeira en Familia, que terá lugar no Pontillón do Castro o vindeiro 14 de setembro e que conta coa colaboración de entidades sociais e deportivas. Nesta actividade, de carácter plural, aberto e participativo, membros de asociacións de todo tipo de patoloxías e diversidade convivirán durante sete horas.

Uns días despois, o 18 de setembro, ASSEII presentará no Teatro Principal, ás 19.00 horas, o documental ‘La vuelta a Galicia por las EII, 1320 km. de visibilidad’, realizado o pasado ano polo aventureiro Sebastián Álvaro, de ‘Al filo de lo imposible’, e patrocinado pola farmacéutica Janssen. Será o 20 de setembro cando actúe na nosa cidade o grupo Bombai, premio revelación no 2018, co que o colectivo que preside Ángela Paz colaborou na creación dunha canción sobre as persoas ostomizadas. “Estamos xestionando -explicou Paz- que ese día poidamos cantar con eles a canción, que se estreou o ano pasado, e repartir entre o público unha bolsa de ostomía coa letra”.

De Pontevedra a Guadalajara

O programa de actividades incluirá un reto que dará comezo o 27 de setembro e que ten a finalidade de continuar concienciando ás administracións e á sociedade sobre a necesidade de que se regulen aseos para as persoas ostomizadas e que se contemplen nos baremos de arquitectura para persoas con discapacidade: unha ‘peregrinación’ de Pontevedra a Guadalajara (803 kilómetros), pasando polos hospitais, para solicitar unidades inflamatorias intestinais, enfermeiras estomaterapeutas e aseos para ostomizados. A chegada a Guadalajara está prevista para o día 3 de outubro, Día Mundial do Ostomizado.

O calendario deseñado por ASSEII tamén prevé a celebración da V Xornada de Ostomías, que terá lugar o día 5 de outubro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, no Pazo da Cultura. Asemade, Paloma Castro e Ángela Paz acordaron colaborar para “dar un paso máis no proxecto ‘Preciso pasar’ (para que os ostomizados poidan facer uso dos baños dos establecementos sen ter que consumir) e permitir que poidan utilizar as prazas para persoas con discapacidade en caso de emerxencia”.