Itineranta celebra o décimo aniversario homenaxeando os espectáculos máis exitosos da súa traxectoria

87

O Festival Internacional de Espectáculos de Rúa, Itineranta, que dará comezo mañá, mércores 31 de xullo e rematará o venres 2 de agosto, chega á súa X edición cun cambio de datas (antes celebrábase na semana anterior ás Festas), e cunha programación deseñada específicamente para homenaxear os espectáculos máis exitosos das edicións anteriores. Así o anunciaron a concelleira de Festas, Carme da Silva, e o representante da empresa de animación Troula, Serxio Rodríguez, esta mañá na presentación oficial, na que non faltou un pasarrúas con música e zancudos.

Carme da Silva comezou asegurando que Itineranta “xa se consolidou como un espectáculo único no Estado español destas características, porque hai máis espectáculos de verán de teatro pero este é o único dedicado a teatro itinerante de rúa”. Da Silva insistiu en que “está absolutamente consolidado na cidade e cada vez atrae a máis público” e salientou a gran variedade de especialidades artísticas que aglutina, citando os monicreques, titiriteiros e titiriteiras, danza, percusión, música, acrobacia, zancudos e mesmo pirotecnia.

Entre as novidades, ademais do cambio de datas, tamén mencionaron a ampliación do número de rutas (aumentan a catro) e o remate cun gran espectáculo final na praza da Ferraría. A concelleira de Festas lembrou que este tipo de espectáculos “son de participación e interacción, non para ir ver, senón para deixarse levar”. Tamén indicou que debido á gran afluencia de público que se foi incrementando ano tras ano, os percorridos pasan a realizarse maioritariamente por rúas máis anchas. Por esta razón, aínda que se programan os 10 espectáculos que máis éxito de público tiveron nos anos anteriores, Carme da Silva aclarou “que ninguén pense que vai ver algo repetido porque o que teñen os espectáculos itinerantes é que nunca son iguais, e o feito de que cambie a ruta fai que cambie o espectáculo, porque e o propio espazo público forma parte da intervención”. 

A ruta A parte da Praza de España, pasa pola Peregrina e remata na praza de Curros Enríquez. A ruta B sae da praza do Teucro e pasa por Cinco Rúas e por Méndez Núñez, e remata na Peregrina. A ruta C sae de Benito Corbal, á altura do número 21, pasa pola Peregrina e por Curros Enríquez, e remata na praza do Teucro. E a ruta D sae de Méndez Núñez, pasa pola praza da Leña, e remata na Praza da Ferraría. As compañías que participan este ano son Xip Xap de Lleida, Tutatis de Cornellá de Llobregat, Efimer de Tárrega, Todo Zancos de Badalona, Tiritirantes de Burgos, Discípulos de Morales de Badalona, K de Calle de Zaragoza, la Baldulfa de Lleida, Palo q’sea de Colombia, Kull d’sac de Valladolid, e Deabru Beltzak de Bilbao. Esta última é a encargada do espectáculo final do venres 2 de agosto e a única que non participara antes no Festival.