‘Aquí cántase’ convoca o último ensaio, que será colectivo, de cara ao gran evento da vindeira semana

5

A Asociación Maravallada convoca para este xoves, 1 de agosto, no Centro Social de Salcedo ás 20:30, o último ensaio preparatorio para o ‘Aquí Cántase’ deste ano, no que se xuntarán os grupos que estiveron ensaiando nos útlimos meses, así como as persoas que se queiran sumar a esta iniciatiava. Este ensaio colectivo, para o cal se esperan preto de 200 persoas, será o último antes da celebración do gran evento nas prazas e nas rúas da cidade o vindeiro 9 de agosto.

Ao igual que nas edicións anteriores realizáronse unha serie de ensaios grupais durante os tres últimos meses, nesta ocasión nos centros sociais do Gorgullón (os luns) e de Santo André de Xeve (os xoves). No ensaio programado para esta tarde xuntaranse tanto os participantes que viñan ensaiando en cada un dos centros sociais como todas as persoas que se animen a incorporarse a esta experiencia. O obxecto deste ensaio é que, de cara ao día 9, se conte cun grupo significativo de persoas que leven o peso do repertorio programado.

Hai que lembrar que ‘Aquí cántase’ nace como unha actividade grupal e popular para promover, difundir e, mesmo, recuperar o canto tradicional galego e o espírito festivo e comunitario que  esta práctica sempre tivo na sociedade do país. 

O percorrido pola cidade comezará ás 21h o venres 9 de agosto e descorrerá por puntos como a praza da Ferraría, a praza de Curros Enríquez, a escalinata do Teatro Principal e a Praza da Leña. O repertorio basease nas cantigas tradicionais populares máis coñecidas e típicas da cultura popular galega e, este ano, incorpora catro novas cantigas con respecto ao repertorio do ano pasado. Ao igual que en anteriores edicións, está previsto que Maravallada distribúa as letras impresas entre o público para facilitar a participación de todas aquelas persoas que espontaneamente se queiran ir sumando a este percorrido cantado pola cidade.