A entrada para a conferencia do enxeñeiro da NASA, Fernando Abilleira, será libre ata completar aforo

Terá lugar no Teatro Principal o xoves 8 de agosto ás 20h, e será a única ponencia destas características que ofrecerá en Galiza

75

Ante a expectación suscitada polo anuncio da conferencia do enxeñeiro da NASA, Fernando Abilleira, o Concello lembra que a entrada será libre ata completar o aforo de 434 butacas do Teatro Principal. A ponencia, prevista para o xoves, día 8, ás 20h será a única destas características que o enxeñeiro de orixe pontevedresa ofrecerá en Galiza, e para asistir non será preciso recoller nin convite nin entrada previa.

Fernando Abilleira é actualmente o director de Deseño de Misión e Navegación do proxecto Mars 2020, a misión que NASA ten previsto enviar ao planeta vermello o próximo ano, e esta xa é a segunda ponencia que ofrece no Teatro Principal. A primeira tivera lugar en 2014 e versara sobre o éxito da misión do Curiosity, e nesta ocasión falará do éxito da misión do InSight, levada a cabo en 2018, e avanzará as novidades da misión Mars 2020.   

Fernando Abilleira estará acompañado polo enxeñeiro de telecomunicacións e profesor da Universidade de Vigo, Fernando Aguado, e pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e exporá os puntos máis salientables das misións a Marte, así como a relación que a exploración espacial ten co día a día das persoas e co desenvolvemento da humanidade.  Tal e como avanzara na presentación da ponencia, a semana pasada, un punto importante será a conexión coas persoas máis novas de cara a promover a motivación e o interese pola investigación científica e espacial entre a mocidade. Neste sentido e tamén durante a presentación da semana pasada, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrara que tras a conferencia de 2014 a relación de Fernando Abilleira cos centros educativos do concello se mantivo e mesmo se estreitou a través de video conferencias. O rexedor aproveitara para poñer en valor a colaboración do Concello coa Universidade de Vigo en diferentes proxectos de telecomunicacións, así como o programa cos centros educativos ‘Ponte en ciencia’, como exemplos de que tamén desde Pontevedra se pode contribuír á investigación científica. Fernández Lores indicara, ademais, que esta conferencia chega porque “a nós gústanos interesarnos por todo o que está pasando no mundo, estar atentos ao que se move, e estar sempre na vangarda”.