O concelleiro Iván Puentes proxecta unha nova área de lecer axardinada nunha parcela situada entre Rosalía de Castro e o parque de educación vial de Mollabao

14
  • O edil socialista visitou diferentes zonas do barrio acompañado polo dirixente veciñal Juan Sáenz e anunciou un zafarrancho para adecentar diversas zonas verdes baixo a ponte da autopista

O servizo municipal de Parques e Xardíns traballa no deseño dunha proposta para converter nunha nova área de lecer axardinada a pequena parcela situada entre o parque de educación vial de Mollabao e a rúa Rosalía de Castro, baixo a ponte da autoestrada AP-9. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, encargou o estudo deste proxecto coincidindo cunha visita sobre o terreo ao barrio pontevedrés, na que estivo acompañado polo voceiro veciñal Juan Sáenz.

Nunha camiñada por diferentes puntos de Mollabao, Sáenz amosoulle a Puentes o mal estado de conservación no que se atopan algúns dos espazos do contorno da pista de skate e do parque de educación vial, coa maleza crecendo sen control. O voceiro de ‘Mollabao si’ e o concelleiro do PSOE falaron sobre a necesidade de darlle un impulso a tres importantes proxectos: “facer o paseo a Marín dende o barrio de Mollabao, despexar administrativamente o futuro da finca de Malvar e sanear e ordenar a parcela na que se instala o circo”.

Visita de Iván Puentes a Mollabao acompañado polo dirixente veciñal Juan Sáenz.

A estas actuacións sumaríase o plan previsto polo Concello de Pontevedra para humanizar o treito de Rosalía de Castro que discurre entre Manuel del Palacio e a finca de Malvar, e que se traduciría no ensanchamento de beirarrúas e na súa transformación nunha rúa cun só carril e sentido único de circulación. 

Á marxe destes proxectos, Puentes avanzou a súa intención de executar intervencións a medio prazo para mellorar a faciana do barrio e mantelo en boas condicións. Entre outras, un zafarrancho de limpeza e desbroce “do regato da Fontesanta (que discorre en paralelo á pista de skate e de Rosalía de Castro), e da franxa verde que circunda o parque de educación vial”. “Son zonas que precisan unha actuación urxente, xa que se atopan infestadas de malas herbas, silvas e maleza”, indicou.

No que atinxe á pequena parcela baixo a ponte da autoestrada, entre Rosalía de Castro e a pista de educación vial, o concelleiro de Medio Natural lembra que se trata dun “lugar habitual de encontro dos veciños”, polo que tería sentido “acondicionala cun tratamento de zona verde”.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible prepara un zafarrancho de limpeza e desbroce.