A socialista Yoya Blanco anuncia unha campaña de descontos no comercio local para a volta ao cole

7
  • A edil de Promoción Económica, que participou xunto con Tino Fernández nunha reunión coa directiva de CCU ZM, quere extender aos barrios os descontos en material escolar e deportivo

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, trasladoulles esta mañá aos directivos de Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCU ZM) a súa intención de impulsar unha campaña de descontos no comercio local coincidindo coa volta ao cole e “que se faga tamén extensiva aos negocios dos barrios”. A proposta deuna a coñecer no contexto dunha reunión, onde ademais de Blanco e do tenente de alcalde, Tino Fernández, estiveron presentes o presidente do colectivo, Miguel Lago, a súa xerente, Mónica Tomé, e os membros da directiva Raúl Facciola e Ramón Pedras.

No encontro, ámbalas partes puxeron de manifesto a súa predisposición a continuar colaborando na celebración de eventos que impulsen a actividade comercial, poñendo o acento na necesidade de mellorar a coordinación á hora de organizar ditas iniciativas. Yoya Blanco explicoulles aos directivos de CCU ZM que a súa vontade de impulsar unha campaña ‘A Volta ao Cole’ a través de tíckets de desconto “para uniformes, material escolar e deportivo e mesmo perruquerías”.

“Faríase entre os días 1 e 15 de setembro e o que quero é que non se limite unicamente aos comercios do centro da cidade, senón que se extenda aos barrios. Tamén hai moitas librerías en Loureiro Crespo ou A Parda”, afirmou a edil de Promoción Económica.

O encontro tivo lugar na sede do colectivo, situada na rúa Serra.

A idea foi moi ben recibida por Miguel Lago, quen asegurou que esta campaña, “que reforzará a que xa se viña facendo dende hai anos por CCU ZM”, terá incluso unha maior implicación por parte do colectivo de comerciantes “no que se refire a promocións e ofertas especiais”.

Durante a reunión, CCU ZM amosou o seu descontento coa limpeza e o actual modelo de recollida de lixo na zona monumental, xa que, como apuntou Miguel Lago, estase a facer a horas que interrumpen a actividade hosteleira. Neste sentido, o tenente de alcalde avanzoulle que “en 2020 saíra un novo contrato do lixo” e que, aínda que non forma parte das súas competencias, dende o grupo municipal do PSOE “tentaranse facer as aportacións necesarias para que esa situación mellore”.

Por outra banda, Lago fixo patente o malestar da asociación co efecto negativo que as obras da ponte do Burgo están a ter nos negocios do casco vello, xa que tódolos potenciais clientes “empregan a ponte de Santiago para cruza-lo río e a zona monumental está a deixar de ser a vía de acceso natural, en detrimento de Cobián Roffignac”. O presidente de CCU ZM lamentou que non se contase con eles para planificar as actuacións e cre que a solución máis razoable pasa “por abrir algún paso de acceso peonil”.