O Concello supera os obxectivos fixados para 2030 na Estratexia Galega de Economía Circular

22

O Concello de Pontevedra xa cumpre a día de hoxe os obxectivos fixados pola Xunta na Estratexia Galega de Economía Circular para o ano 2030, nos tres principais ámbitos de competencia municipal como son urbanismo, xestión dos residuos e xestión do ciclo da auga. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Ordenación do Territorio e Mobilidade, César Mosquera, tras explicar que o documento entrou no día de onte no Rexistro do Concello e que establece un período dun mes para realizar achegas.

Nunha primeira análise, César Mosquera asegurou que “a sensación xeral é que é un documento relativamente timorato”. O concelleiro fixo fincapé en que “estes tres aspectos que foron polémicos en Pontevedra, e que algún aínda é agora, recólleos clarisimamente e sen ningún tipo de dubida porque é o que toca desde o punto de vista normativo e é o camiño no que hai que ir” e lembrou que o paquete de economía circular da UE xa é do ano 2015 e a directiva de residuos de 2008, documentos que xa indicaban este tipo de tendencias. “Xa se vía hai moitos anos que non podiamos seguir xerando residuos indefinidamente porque, ademais de ser un desperdicio económico, é un atentado ecolóxico e que iso ía traducirse en normativa” indicou Mosquera a modo de exemplo.

Urbanismo

No apartado de ‘Urbanismo, edificación e obra pública’ o documento da Estratexia recolle, entre outras porpostas, “posibilitar a mobilidade non motorizada e o uso de transporte público, ofrecendo percorridos eficientes e seguros para a mobilidade peonil e en bicicleta; e mellorar a calidade e o confort dos espazos abertos das vilas e cidades como incentivo do seu uso o tempo de lecer e alternativa á climatización artificial”. O obxectivo que marca o documento neste apartado é situar no 20% o uso do vehículo privado nas cidades para o horizonte de 2030, así como aumentar a biodiversidade urbana nun 30%. 

Un ámbito no que Mosquera afirmou que “Pontevedra xa leva traballando bastantes anos, e ese obxectivo xa o temos practicamente cumprido, en todo caso se se pasa a documento normativo habería que botar as contas exactas”.

Compostaxe

Na xestión dos residuos o obxectivo proposto na Estratexia pasa por unha aposta total pola compostaxe de residuos in situ. Textualmente o documento recolle como obxectivo “promover e maximizar o uso de diferentes modalidades de compostaxe in situ, buscando o mínimo transporte tanto dos residuos como dos fertilizantes obtidos e garantindo a máxima calidade ambiental; os proxectos deberán reducir a pegada ecolóxica do ciclo do tratamento dos biorresiduos, reducir a xeración de residuos (prevención) e o consumo de fertilizantes externos”.

Como instrumentos cita, entre outros, a “promoción da compostaxe individual ou comunitaria en núcleos urbanos consolidados, ou a compostaxe en centros educativos”. Neste caso o obxectivo fixado para o horizonte de 2030 é un 15% dos biorresiduos xestionados mediante compostaxe in situ. En Pontevedra, segundo indicou Mosquera, “se non estamos xa nese 15% estamos moi preto e, en todo caso, é un obxectivo moi baixo”.

César Mosquera lembrou ademais a posición sobre a compostaxe in situ  da oposición da corporación municipal durante a súa implantación no pasado mandato e como contrasta co documento que promove agora a Xunta.

Ciclo da auga

O terceiro dos ámbitos de competencia municipal que recolle a Estratexia é a xestión do ciclo da auga. Neste punto, o obxectivo é a redución das fugas da auga na rede de abastecemento e sumidoiros e para iso indica varias liñas de actuación, como a substitución paulatina de tubaxes, a instalación de sensores en puntos clave ou o control telemático dos sensores instalados. 

O obxectivo fixado para 2030 no documento é reducir ata o 20% a porcentaxe de auga non rexistrada. Mosquera explicou que se entende por “auga non rexistrada” a diferenza entre a que se capta e a que se consume, e que no caso de Pontevedra esa porcentaxe se sitúa no 13 ou 14%.