Os voluntarios do Concello para a loita contra a vespa velutina retiraron 150 niños dende principios de xuño

59
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible, que dirixe o socialista Iván Puentes, activou o número de whatsapp 679 411 930 para que os cidadáns poidan alertar da presenza de niños e indicar a súa ubicación

O equipo de 30 voluntarios cos que conta o Concello de Pontevedra para atallar as pragas de vespa de velutina nas parroquias do rural retiraron uns 150 niños dende principios do mes de xuño, unha cifra moi semellante á da rexistrada na campaña estival do ano pasado por estas mesmas datas. Consciente da importante labor que están a levar a cabo no municipio, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, mantivo hoxe un encontro cunha decea de membros desta brigada ‘antivelutina’ co obxectivo de coñecer as súas demandas de medios materiais.

No encontro, que tivo lugar na sede municipal en Churruchaos, Puentes amosoulles aos voluntarios “o máximo recoñecemento e o profundo agradecemento do Concello por desenvolver de xeito desinteresado un traballo que é de moitísima axuda”. Segundo subliñou, o servizo que prestan en Pontevedra “está a funcionar mellor que o xestionado pola Xunta de Galicia noutros concellos”.

Por este motivo, o concelleiro do PSOE comprometeuse a manter a colaboración do Goberno local e a estudar a incorporación de novos medios materiais que faciliten “esta loita titánica contra a vespa velutina”. Tal e como explica Puentes, os Bombeiros encárganse de controlar os niños na área urbana, mentres que os voluntarios “dan cobertura ás diferentes parroquias, empregando traxes, luvas, máscaras, pértigas (para chegar ás pólas altas) e produtos insecticidas que lles facilita o Concello de Pontevedra”.

O encontro cos voluntarios tivo lugar na sede municipal da rúa Churruchaos.

Ademais, os voluntarios tamén colaboran impartindo charlas sobre os efectos nocivos da velutina e os xeitos de combatela en colexios ou no seo de comunidades veciñais. Iván Puentes asegurou que a Concellería de Desenvolvemento Sostible estuda dotar de máis pértigas e dun remolque á brigada ‘antivelutina’, así como seguir colaborando na organización de máis actividades formativas.

Activan un whatsapp para avisar da presenza de niños

O departamento que dirixe o edil socialista activou un número de whatsapp (679 411 930) para comunicar a presenza de niños e solicitar a intervención do equipo de voluntarios. O contacto só funciona como whatsapp, polo que non poderán realizarse chamadas telefónicas, sendo esencial que, xunto co aviso, tamén se aporten datos que faciliten a ubicación do niño.