Parques e Xardíns inicia un zafarrancho para renovar diversas zonas verdes de Monte Porreiro

33
  • O departamento que dirixe Iván Puentes executará traballos de limpeza de parcelas, cavado de alcorques e escardado de malas herbas no contorno das rúas Dinamarca e Holanda e no paseo do Miradoiro

Un equipo de tres operarios da Concellería de Parques e Xardíns executou ao longo desta mañá, coa axuda dunha máquina fresadora, unha actuación destinada á eliminación dos tocóns e cañotos dunhas árbores que se cortaran por motivos de seguridade na rúa Grecia. Esta intervención enmárcase dentro dun amplo zafarrancho que se levará a cabo en Monte Porreiro durante as vindeiras semanas e no que se contempla a poda de árboles nos xardíns do centro asociado da Uned e traballos de desbroce en varias zonas verdes ubicadas no contorno das rúas Dinamarca e Holanda.

O edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, explica que os traballos realizados na rúa Grecia incluiron a limpeza dunha parcela de 500 metros cadrados e a retirada dos cañotos “mediante unha fresadora de tocóns con coitelas de vidia, un composto de alta dureza que permite fresa-los tocóns”. Segundo avanzou o concelleiro do PSOE, esta batida polo barrio de Monte Porreiro terá continuidade “coa limpeza dunhas parcelas que se atopan en mal estado de conservación no contorno das rúas Dinamarca e Holanda e no paseo do Miradoiro”, nas que tamén se efectuará o cavado de alcorques e o escardado de malas herbas.

“Por motivos de seguridade e conservación -matiza Puentes-, tamén se executará a poda dalgunhas acacias perigosas e doutras árbores nos xardíns da Uned. Estes traballos serán executados coa axuda dunha grúa e de maquinaria pesada para controlar a caída das pólas”.

Equipos de cinco operarios do servizo municipal de Parques e Xardíns encargaranse de realizar as tarefas de desbroce manual e mecanizado planificadas neste zafarrancho, que suporá un investimento global duns 10.000 euros en Monte Porreiro. Os traballos completaranse coa poda dalgunhas palmeiras que morreron por mor do picudo vermello.

Acondicionamento do talude entre a ponte do tren e a rotonda

Esta ampla intervención para renovar as zonas verdes da urbanización pontevedresa prevé ademais, tal e como apunta Iván Puentes, “a limpeza e acondicionamento de todo o talude situado na estrada de acceso a Monte Porreiro, na avenida de Bos Aires, dende a ponte do tren ata a rotonda”. “O que se pretende aquí -sinala o socialista- é mellorar a seguridade fronte ao perigo de incendios”.